Este catálogo recolle os trámites necesarios para iniciar unha actividade empresarial de aproveitamento dos recursos minerais e demais recursos xeolóxicos que teña lugar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Exclúense da aplicación do catálogo, as seguintes actividades:
- A exploración, investigación, explotación e almacenamento subterráneo de hidrocarburos líquidos e gasosos.
- A extracción ocasional e de escasa importancia de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que a realice a persoa propietaria dun terreo para o seu uso exclusivo e non exixise a aplicación de ningunha técnica mineira.
- As augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Calquera aproveitamento de recursos xeotérmicos de escasa importancia económica, en particular aos que se dese utilidade de calefacción, climatización doméstica ou industrial e/ou auga quente sanitaria, baseados en sistemas xeotérmicos de moi baixa entalpía, con intercambiadores en circuíto pechado, ata 200 metros de profundidade, sempre que o levase a cabo a persoa propietaria do terreo para o seu uso exclusivo e que o aproveitamento non exixise a aplicación de ningunha técnica mineira.
- O aproveitamento lúdico das augas termais, que se rexerá polo disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.