Inicio
Actualidade

Ao día!

27/06/2023

Artur Yuste, director xeral de Grupo Cuevas

Comparte este artigo

“A dimensión da nosa compañía é unha vantaxe competitiva no sector”

Nos seus 155 anos de traxectoria, a historia do grupo ourensán Cuevas é tamén a dun legado de catro xeracións da familia De las Cuevas. Hoxe son unha compañía referente que opera en tres grandes sectores: distribución alimentaria, industria agroalimentaria e automoción.

Grupo Cuevas non só segue sendo un grupo empresarial referente, senón que ademais incrementa as súas cifras de facturación e a presenza en novos territorios. En que fortalezas se apoia este crecemento?

A nosa é unha historia cun gran legado, procedente da familia De las Cuevas. Cada xeración deixou un sinal no carácter da empresa. O noso fundador Francisco de las Cuevas deixounos o emprendemento; o seu fillo José de las Cuevas, a responsabilidade social; a terceira xeración, con Ignacio de las Cuevas, impulsou a innovación e, finalmente, a actual xeración confiou na profesionalización da empresa para facela crecer e levala a novos horizontes.

Sempre dixemos que o obxectivo de Grupo Cuevas como compañía é tratar de facer a vida máis doada ás persoas. Isto quere dicir que desde sempre colocamos ás persoas no centro da ecuación e, ao redor delas, construímos a nosa estratexia global de negocio. Traballamos pola innovación orientada a dar servizos útiles. Seguimos apostando por un produto fresco de alta calidade e de proximidade, pola optimización da cadea loxística para reducir prazos de entrega conservando a excelencia do servizo, polo desenvolvemento de canles e fórmulas que melloren e personalicen ao máximo a interacción co consumidor e pola transformación dixital na súa visión máis integral.

Con que bazas conta unha empresa de Ourense nun sector coma o da distribución alimentaria no que compiten con grandes operadores?

A rápida adaptación ao cambio e a resiliencia que nos identificou nestes 155 anos de historia teñen moito que ver co que somos hoxe. Fomos capaces de mudar cando a situación o requiriu. Cando multiplicamos de xeito exponencial os puntos de venda, cando ampliamos fortemente a nosa capacidade loxística, cando veu a pandemia e resultamos ser esenciais para dar servizo á poboación, e tamén agora asumindo parte da inflación que está a impactar nos alimentos... Somos xa unha empresa grande aínda que sexamos pequenos dentro do sector. O noso tamaño tamén nos proporcionou a suficiente flexibilidade e axilidade á hora de implementar os cambios precisos. Agora mesmo, é unha vantaxe competitiva.

Grupo Cuevas e Marrón Glacé forman un tándem indivisible. Cal é o peso da exportación de castañas no negocio?

Cuevas é líder en España na comercialización de Marrón Glacé e de produtos derivados da castaña, pero a popularidade do Marrón Glacé de Cuevas traspasou as nosas fronteras. Na actualidade, os nosos produtos atópanse nos liñais das grandes insignias da gran distribución e nos establecementos máis exclusivos en máis de 30 países. Os nosos principais mercados son o europeo, especialmente Italia e Francia, grandes consumidores de castaña e os seus elaborados. Se falamos de América do Sur, especialmente Brasil e México son mercados históricos na nosa biografía comercial, reforzado pola demanda do colectivo español residente neses países. Países árabes (Arabia Saudita, Emiratos Árabes, Qatar..) son mercados de moito impulso pola forte tradición de consumo de produtos doces e, por suposto, Asia, especialmente Xapón, produtor e importante consumidor de produtos derivados da castaña, ademais de consumidores moi apaixonados polos produtos europeos de calidade.

Cales son os retos e plans de expansión do grupo?

Nestes últimos 10 anos vímonos medrar, medrar, medrar e as decisións viñeron marcadas por dar resposta a este crecemento do mellor xeito posible: facendo o equipo máis grande, abrindo novos centros de traballo, ampliando, adaptando ou creando novas infraestruturas, como pode ser o centro da Cidade do Transporte ou o aumento de puntos de venda no rural. En mente sempre debemos seguir poñendo as pezas necesarias para permitir que o camiño continúe de forma sólida.

Que legado quere deixar Grupo Cuevas na súa contorna e en Galicia?

O compromiso social concentrou gran parte dos esforzos de Grupo Cuevas durante esta última década e seguirao facendo porque é un dos valores atemporais asociados a nós. Xerando emprego, xeramos riqueza, abrindo numerosos puntos de venda no rural, damos forma aos soños de persoas emprendedoras, traballar sen descanso no aproveitamento da castaña deriva tamén nun pulo económico á provincia... A posta en marcha dunha nova sede de máis de 32.000 m2 en San Cibrao das Viñas ou a apertura do primeiro gran centro de alimentación Cuevas Cash nesta zona constitúen diferentes grans de area cos que construímos sociedade e facemos territorio. O noso compromiso seguirá sendo o mesmo: devolver a confianza que cada día recibimos dos nosos diferentes colaboradores.

Tamén pode interesarche