Inicio
Actualidade

Ao día!

31/01/2024

A Xunta destina 7,5 millóns de euros a impulsar proxectos de gases renovables

Comparte este artigo

As axudas, orientadas a seguir avanzando na transición enerxética e loitar contra o cambio climático a través da redución de emisións, poderán solicitarse ata o 21 de febreiro 

O uso racional das enerxías e a procura de novas fontes enerxéticas supón unha preocupación crecente tanto para as administracións como a cidadanía, e é por iso que se fan tan necesarias as iniciativas deste tipo sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables.

Esta nova liña de apoios posta en marcha pola Consellería de Economía, Industria e Innovación para dar resposta a este obxectivo prioritario, cubrirá ata o 65% do custo subvencionable dos proxectos en función do tamaño da empresa, con axudas máximas de 2,5 millóns de euros no caso de iniciativas de hidróxeno e de 2 millóns de euros se se trata da produción de biogás e biometano. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético e obterán unha baremación adicional no caso de establecerse como Concellos Emprendedores. As empresas e autónomos que queiran realizar proxectos consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia poderán presentar a súa solicitude a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web do Inega. 

Esta iniciativa marca un fito en Galicia, sendo a primeira vez que se establece unha convocatoria específica para este tipo de proxectos enerxéticos, cun marcado carácter innovador e potencial considerable aínda por explorar. A convocatoria, enmarcada dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, busca incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, en liña coa previsión da Axenda Enerxética de Galicia de que para 2030 o 20% do consumo de gas na Comunidade teña orixe renovable co obxectivo de contribuír á economía circular e á autosuficiencia enerxética nos sectores industriais

Que tipo de proxectos subvenciona a convocatoria?

No ámbito do hidróxeno renovable, apoiaranse en concreto todo o relacionado co electrolizador, o compresor, sistemas de almacenamento, conducións, depósitos, sistemas auxiliares e de control, adecuación ou compra de equipos consumidores a hidróxeno, pilas de combustible -sempre que a electricidade xerada destínese a autoconsumo-, sistemas de inxección do hidróxeno renovable á rede de gas -en caso de existir un contrato de venda a un consumidor localizado en Galicia-, montaxe e posta en marcha dos sistemas, obra civil asociada, proxectos técnicos e legalización.

Respecto ao biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas -se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia-; equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización.

Cando e como poden solicitarse?

O prazo da convocatoria, de concorrencia competitiva, está aberto ata o 21 de febreiro. As solicitudes deben subscribirse directamente polos interesados ou por unha persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito e presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web do Inega

Tamén pode interesarche