Inicio
Actualidade

Ao día!

09/02/2024

Recoñecendo o mellor da innovación e do deseño en Galicia

Comparte este artigo

A IV edición dos Premios Galicia Innovación e Deseño vén de recoñecer, un ano máis, o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente desde estes dous ámbitos ao desenvolvemento económico e social da Comunidade

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño naceron en 2020 como unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación. Con estes galardóns búscase destacar as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevancia como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.

Na gala de entrega de premios, celebrada o pasado 21 de decembro, participou a Conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, que fixo fincapé no labor que se realiza desde a Administración autonómica para facer chegar a cultura da innovación empresarial ás pemes e lembrou que Galicia ten en marcha o Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade, unha folla de ruta que recolle a aposta da Xunta de Galicia polo deseño como ferramenta de transformación económica e social.

Galardóns Deseño 2023
No apartado de deseño, contémplanse tres categorías que distinguen a profesionais e equipos que contribúen de maneira relevante á mellora do prestixio do deseño galego e ás empresas que, ao incorporalo na súa estratexia de negocio, demostran o seu valor como panca de innovación. 

  • Na categoría de profesionais do deseño resultou gañadora a deseñadora gráfica, especializada no deseño de proxectos de comunicación e servizos, Uqui Permui. Nada en Barallobre, a súa traxectoria profesional comezou traballando como deseñadora júnior no estudio do seu irmán, Alberte Permuy, e en 1991, fundou o seu propio estudio, Uqui Cebra, en Santiago de Compostela. Participou en numerosos proxectos de deseño que abordan cuestións sociais e ambientais de forma creativa. O seu enfoque consiste en atopar solucións atractivas cun impacto positivo na sociedade.
  • Na categoría de talento emerxente do deseño foi premiado Ismael Velo, deseñador de produto ourensán actualmente afincado en Amsterdam. Despois de pasar pola Escola Elisava de Barcelona, fixo un Mestrado en Deseño Industrial na Universidade Técnica de Eindhoven (Holanda). Comezou a súa carreira na materioteca da Asociación para o Fomento das Artes e o Deseño de Barcelona (FAD). Nos últimos anos formou parte do equipo de FROLIC studio, enfocado á innovación e á sustentabilidade. Actualmente, deseña parques infantís para a empresa canadense Earthscape Play.
  • Finalmente, a empresa premiada como caso de éxito de incorporación do deseño á súa estratexia empresarial foi Costa Comunicación Visual (A Coruña). Fundado en 2014, este estudio de deseño coruñés desenvolve proxectos coa vontade de crear experiencias de marca a través da identidade visual, os espazos, o packaging e a dirección de arte. Entre os seus clientes figuran a Xunta de Galicia, Orballo, Coren, Cenor, Hijos de Rivera, Inditex, Fundación Barrié, Zendal, Nacións Unidas, Esprit, News Belgium ou La Sociale Paris. Tamén desenvolveu proxectos expositivos para Pinto & Chinto e proxectos editoriais para as revistas Masgalicia e +Coruña.

Galardóns Innovación 2023

As outras tres categorías dos galardóns entregados buscan recoñecer a profesionais e empresas de Galicia que contemplan a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. 

  • Na categoría de pemes resultou galardoada Centum Research&Technology. Esta peme viguesa está especializada no deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión para operacións nos sectores de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial. O seu produto estrela é Lifeseeker, unha tecnoloxía que converte os smartphones en balizas de emerxencia capaces de guiar os equipos de rescate a unha localización exacta e que xa se está a utilizar en varios países de todo o mundo.
  • Na categoría de grande empresa, cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, dez anos, distinguiuse a Pasek Minerales (Cariño), compañía que se dedica á produción, tratamento e comercialización de minerais, cuxo principal activo reside na mina de dunita, un tipo de silicato de magnesio, localizada na provincia da Coruña. Desde a mesma expórtase o mineral a clientes de catro continentes en distintos sectores: Forno Alto, Forno de Arco Eléctrico, Illamento, Fertilizantes e captura de CO2.
  • No tocante á categoría para empresarios e profesionais cunha traxectoria na que a innovación fose unha das súas características relevantes, nesta edición foi premiada Carme Pampín, CEO de GalChimia e primeira presidenta de Bioga Galicia.

Tamén pode interesarche