Inicio
Actualidade

Ao día!

13/02/2024

Entrevista a Félix Puime Guillén, coordinador do Grao en Relacións Internacionais da Universidade da Coruña

Comparte este artigo

“A economía e a sociedade galega, desde tempos ancestrais, demostraron a súa capacidade para a internacionalización”

Cunha ampla experiencia ás súas costas como financeiro de compañías internacionais do sector do peixe conxelado e as enerxías renovables, Félix Puime Guillén é profesor permanente laboral e coordinador do Grao de Relacións Internacionais no Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña, un programa formativo que abre ao alumnado un amplo abanico de saídas profesionais no contexto exterior.

Como coordinador do Grao en Relacións Internacionais da Universidade da Coruña, con que obxectivos está enfocado o programa de formación?

O título ofrécese en Ferrol enfocado á cooperación ao desenvolvemento especialmente en terceiros países. Por iso, os obxectivos que se expoñen é que o alumnado, unha vez finalizados os seus estudos, sexa capaz de apreciar a diversidade e a multiculturalidade, teña habilidade para traballar nun contexto internacional, sexa capaz de identificar aspectos esenciais de culturas e costumes doutros países, teña capacidade para a resolución de problemas, dispoña de habilidades para a organización e planificación, teña capacidade para a toma de decisións, sexa capaz de efectuar o deseño e a xestión de proxectos internacionais e en zonas de conflito e teña coñecemento para o desenvolvemento de negocios a nivel internacional.

Cales son as principais competencias que debe ter un profesional das relacións internacionais?

No caso concreto do noso grao, as competencias específicas que adquirirá o noso alumnado son as capacidades de analizar información relacionada con fontes e feitos internacionais en contornas xeopolíticas, económicas e xurídicas complexas, presenciais ou virtuais. Tamén comprender a estrutura, as competencias e o funcionamento das institucións e organizacións internacionais, así como as súas relacións con outros actores, estatais e non estatais. 

Do mesmo xeito, é importante coñecer os conceptos, teorías e técnicas aplicadas á análise dos actores e relacións internacionais, tanto no ámbito universal como no rexional, cunha perspectiva tanto histórica como contemporánea.
Outras competencias clave baséanse en comprender os fundamentos teóricos xenerais da economía e da estrutura económica internacional; os procesos globalizadores, as dinámicas de deslocalización e estratexias alternativas; así como os desafíos á seguridade internacional e o valor da mediación e resolución de conflitos de forma pacífica.

Finalmente, un profesional das relacións internacionais debe ser capaz de analizar a realidade global nas súas diferentes dimensións, en particular a xeográfica, a política, a social, a económica e a xurídica; aplicar a metodoloxía científica aos retos sociais, políticos, económicos e xurídicos con elemento internacional; analizar e avaliar problemas ambientais e patrimoniais nas relacións internacionais; adquirir coñecemento das técnicas, métodos de traballo e análise das ciencias humanas, sociais e xurídicas; analizar a realidade política, social e económica no marco da cooperación internacional ao desenvolvemento; e comprender os instrumentos e mecanismos políticos, xurídicos e económicos que garanten unha xestión eficiente de proxectos e negocios internacionais.

Que impacto supón para o tecido empresarial e industrial galego contar con talento formado no ámbito das relacións internacionais?

Creo que a economía e a sociedade galega, desde tempos ancestrais, demostrou a súa capacidade para a internacionalización cunha disposición enorme para a integración en realidades sociais e culturais moi distintas. Esta habilidade, que creo que existe na maioría dos galegos, precisaba dunha formación a nivel superior e, sen dúbida, isto constatarase con excelentes resultados en pouco tempo.

A presenza internacional das nosas empresas debe ir máis aló dunha actividade comercial de venda de produtos e servizos. Deben ser capaces de desenvolver proxectos complexos en territorios onde, ademais, non existe unha proximidade cultural ou histórica.

Como valora o grao de internacionalización das empresas galegas e con que bazas conta Galicia para posicionarse no exterior?

Sen dúbida é moi bo, pero na miña opinión moi concentrado nunha zona xeográfica determinada, en concreto en Europa Occidental. De feito, as vendas nesta rexión son 20 a 1 en relación co resto das vendas noutros continentes.

Europa é un continente envellecido e debemos ir a aqueles mercados con máis capacidade de crecemento en Latinoamérica, Asia, Oceanía e mesmo África. Desde a Universidade da Coruña xa estamos a asinar acordos de mobilidade con universidades destes continentes para alumnado e profesorado, e estamos a levar a cabo proxectos de desenvolvemento tecnolóxico nestas áreas do mundo.

Na miña opinión, unha boa opción para as empresas é aliarse coa Universidade para levar a cabo a súa internacionalización.

Cales serán os principais retos da acción exterior galega para os próximos anos en termos económicos e comerciais?

Creo que o tecido empresarial mellorou moito, pero boto en falta dúas cousas. En primeiro lugar, un dominio xeneralizado da lingua inglesa por parte de todos os traballadores e ter horarios máis acordes con outros países de Europa e mesmo do mundo. As nosas longas xornadas de traballo, que se interrompen durante moito tempo para a comida, non son homologables a case ningún lugar do mundo e o di unha persoa que xa leva visitado máis de 80 países.

Doutra banda, debemos confiar máis nas nosas capacidades e ir máis aló da actividade comercial. Temos capacidade para a posta en marcha de grandes proxectos de investimento e desenvolvemento a nivel internacional, sobre todo nos países emerxentes e debemos estar aí para garantirnos un futuro próspero. 

Novamente volvo reclamar unha maior colaboración entre a empresa e a universidade.

Tamén pode interesarche