Inicio
Actualidade

Ao día!

20/02/2024

Entrevista a Manuel Deza, director xeral de Coreti

Comparte este artigo

“As nosas instalacións superan os 4.500 m2, contamos con algo máis dun centenar de traballadores e estamos no top dez das empresas máis importantes do sector da etiqueta adhesiva no noso país”

Un equipo de traballadoras e traballadores novos, veteranos e comprometidos integran a compañía de etiquetas coruñesa Coreti, que acaba de ser recoñecida co selo Empresa Responsabilízate da Xunta de Galicia por ser unha peme sostible, responsable e comprometida cos valores ambientais, sociais e de boa gobernanza (ASG).

Cando e como naceu a empresa?

Coreti naceu na Coruña nun pequeno baixo de apenas 100 m2 e con só dous traballadores, fai máis de trinta anos da man de Luis Fernández Vilela, fundador da compañía e exdirector xeral, quen quixo facer súa a empresa coa que desenvolvería con éxito o seu oficio. Hoxe, 32 anos despois, as nosas instalacións superan os 4.500 m2, contamos con algo máis dun centenar de traballadores e estamos no top dez das empresas máis importantes do sector da etiqueta adhesiva no noso país. Ademais, pasamos a integrarnos no grupo Asteria (Asteria, Labels and More), co que se nos abren interesantes oportunidades a nivel nacional e internacional para poder dar unha solución global de packaging aos nosos clientes actuais e futuros.

A firma creceu de forma exponencial. Cales cren que foron as bazas do éxito e as claves da adecuación a un mercado en constante evolución?

Sen as persoas que forman e formaron parte do noso equipo nin Coreti sería o que é, nin Coreti estaría onde está neste momento. Elas son a clave do noso éxito, pero tamén o foron os nosos clientes aos que nunca nos quitamos da cabeza e aos que sempre temos presentes, que nos fixeron crecer grazas aos retos que nos expuxeron, ás necesidades de aplicación que lles satisfixemos e aos problemas aos que tentamos dar solución.

Que diferenza a Coreti no mercado das etiquetas adhesivas, no que se converteu en todo un referente?

Pensar no noso cliente, as súas necesidades e o seu produto, asesorarlle respecto diso, para lograr a mellor solución de etiquetaxe, é algo que se valora en nós. 

A nosa importante presenza no mercado da etiqueta de alto valor engadido, para viños, bebidas e mesmo aceites, avalado por relevantes premios nacionais e internacionais que recibimos por algúns dos nosos traballos, tamén cremos que nos fai ser referentes no sector.

Para que tipo de sectores ou empresas traballan principalmente?

En Coreti traballamos para todos os sectores económicos e actividades industriais, desde o vitivinícola, o de bebidas e espirituosos, pasando polo do aceite, ata o de loxística, alimentación, supermercados, téxtil, automoción, produtos de limpeza e coidado do fogar, etc…

A nosa misión é poder dar unha solución global de etiquetaxe e packaging a toda empresa, sector ou industria que o precise. O formar parte do grupo belga Asteria, un xigante europeo de etiquetas e packaging, axúdanos tamén nestes momentos para poder ampliar a nosa oferta de produtos.

Que papel xoga a I+D+i na filosofía de Coreti e en que ten posto o foco innovador?

Pois realmente xoga un papel básico. Contamos con persoal técnico e formado para dar solución a calquera reto ou desafío, por moi complicado que de inicio pareza. Ademais, contamos co apoio dun gran grupo experto en packaging, co que o traballo en Investigación, Desenvolvemento e Innovación é diario.

Un exemplo claro atopámolo cando facemos realidade un deseño case imposible de converter en etiqueta. Para iso, todas as engrenaxes de Coreti póñense ao choio aconsellando o mellor material, dando a mellor opción de fabricación, e mesmo innovando en metodoloxías de traballo ou produtivas para lograr o resultado desexado dunha maneira máis sinxela, áxil e mecánica.  

Aínda que pareza mentira, algunhas etiquetas que realizamos son auténticas obras de arte e mesmo auténticas obras de enxeñería.

En materia de sustentabilidade, contan cun plan de economía circular. Cales son os seus obxectivos e sobre que piares se basa?

O noso Plan de Economía Circular nace da necesidade de poñer en primeira orde de prioridades da nosa compañía as 5 R´s desta filosofía. Unha filosofía que non pode ser só unha tendencia, senón que debe ser unha absoluta obrigación en todos os ámbitos.

Para iso e desde todos os ámbitos, traballamos na redución de consumo de materias primas, ferramentas, enerxías… e por tanto tamén de residuos, logrando o seu aforro en beneficio do planeta. Apostamos pola reutilización de todo aquilo que podamos en todo o noso proceso produtivo e pola reparación, en detrimento dunha política de usar e tirar. Así mesmo, a correcta separación e posterior reciclaxe de todo residuo, material en desuso, ferramenta, etc… é parte do noso día a día.

Que retos ten Coreti a curto-medio plazo?

A pesar da situación económica a nivel global, seguimos crecendo aos poucos, pero con pasos seguros e continuamos coidando aos nosos clientes e apostando por outros novos aos que queremos tamén coidar, ademais de manter o noso apoio ás escolas do sector, para que continúen formando aos profesionais que no futuro poderán formar parte da nosa compañía ou doutras do sector da etiqueta.

Tamén pode interesarche