Inicio
Actualidade

Ao día!

21/02/2024

Entrevista Enrique M. Mallón Otero, presidente do Consorcio Aeronáutico Galego e secretario xeral de Asime

Comparte este artigo

“O sector aeronáutico e aeroespacial goza de moi boa saúde e atópase en pleno crecemento”

O Consorcio Aeronáutico Galego creouse no 2007 para desenvolver un plan de promoción, crecemento e consolidación da industria aeronáutica e espacial en Galicia. Actualmente conta con 40 membros, agrupando entre eles provedores dos principais TIER 1 españois e europeos (nome co que se denominan as grandes empresas tractoras de primeiro nivel); así como axencias aeroespaciais como a Axencia Espacial Europea (ESA) e a NASA. 

Cales son as actuacións e proxectos nas que o Consorcio Aeronáutico ten posto o foco na actualidade?

Actualmente estamos centrados no Convenio de Colaboración coa Axencia Galega de Innovación para a creación, posta en marcha e xestión do Observatorio da Industria Aeroespacial en Galicia, así como no proxecto europeo Poctep Aeroganp. Este proxecto consiste na creación dun eixe transfronteirizo de investigación e transferencia de coñecemento no sector aeronáutico e espacial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nel, o CAG lidera a creación e elaboración dun mapa de capacidades da Eurorrexión. Ademais participamos en feiras e eventos do sector, realizando misións comerciais directas e inversas.

Como valoran a situación actual do sector aeronáutico e aeroespacial galego? Con que capacidades e fortalezas conta a Comunidade?

O sector aeronáutico e aeroespacial goza actualmente de moi boa saúde e atópase en pleno crecemento, con 1.300 empregos de maneira directa, contando con empresas na vangarda da tecnoloxía, tanto no segmento de aeroestructuras como no segmento de sistemas e comunicacións. 

Ademais, Galicia ten moito protagonismo na área dos vehículos aéreos non tripulados, liderado especialmente polo Polo Aeronáutico e Aeroespacial, ubicado en Rozas, e con empresas de todo o territorio galego.

Que balance fan do Polo Aeroespacial de Galicia para posicionar e consolidar o sector?

Moi positivo, xa que en Galicia temos un elevado número de pemes, e que poidan contar cun Polo Aeroespacial que lles permita e facilite o contacto con grandes empresas do sector á hora de conseguir contratos, como os que xorden a partir da Civil UAVs Iniciative, é moi beneficioso para o tecido empresarial galego. 

Por outro lado, tamén se consegue que as grandes tractoras de fóra de Galicia xeren e consoliden o seu negocio no noso territorio, xerando unha gran cantidade de emprego cualificado na comunidade.

Cal é o papel do Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia, que realizan en colaboración coa Xunta de Galicia?

O Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia persegue ser un centro de referencia a nivel nacional e internacional na realización e difusión de estudos científicos económicos, estatísticos e de perspectiva do sector aeroespacial. Agora mesmo estamos inmersos nos novos estudos que se publicarán este ano, como son as actualizacións de estudos previos (“Financiamento da I+D no sector dos UAVS” e “Informe das contas anuais do sector”), así como nos novos estudos: ”Programas e investimentos en tecnoloxías duais en UAVs” e “Presente e futuro regulatorio dos UAVs: Proposta de Sandbox de Rozas”.

Ademais, en abril estaremos presentes na feira Xponential 2024 San Diego, nos Estados Unidos. Será a segunda vez que esteamos representando o Observatorio nesta feira, na cal se destaca a importante presenza de empresas galegas que participan na Civil Uavs Iniciative, sendo unha comunidade autónoma de referencia para o sector nos Estados Unidos.

É vostede tamén secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime). Cales son os principais retos e desafíos aos que se enfrontan?

Vivimos nun momento de completa transformación en moitos ámbitos, que xera grandes oportunidades, pero tamén incertidumes. A crise climática vai marcar sen dúbida a realidade da nosa industria. A descarbonización efectiva de todos os sectores europeos para 2050 é un reto maiúsculo, que vai requirir grandes reconversións e investimentos de cara ás enerxías renovables como á eólica mariña, onde Galicia ten unha gran oportunidade para consolidarse como un hub industrial de referencia internacional, a nivel de fabricación de compoñentes e tamén como lugar de implantación de parques eólicos mariños.

Tecnoloxías como a intelixencia artificial deberán ser integradas nas nosas empresas, ou a realidade pasaranos por riba. Será un reto global chegar a regulacións que permitan manter a ética, sen menoscabar o desenvolvemento tecnolóxico, á vez que debemos facer un esforzo para que as pemes non queden atrás.

En materia económica, o endurecemento do acceso ao crédito e a sombra da ralentización económica van facer que financiarse sexa máis difícil e custoso para a nosa industria. Nese sentido, debemos seguir traballando na diversificación de actividades e no acceso a mercados exteriores, onde Galicia ten xa un gran nome. O “divide e vencerás” pasará a ser, máis que nunca, “diversifica e vencerás”. 

Por último, a crecente inestabilidade internacional, por desgracia, vai seguir impactando na nosa economía como efecto colateral. A guerra en Ucraína e agora tamén en Gaza engaden tensión a unha xeopolítica internacional que xa vimos que pode xogar malas pasadas en materia de custos de subministración e enerxéticos.

Como valora a situación do sector?

O sector do metal e das súas tecnoloxías asociadas é un pilar fundamental da economía galega. Nel englóbanse industrias clave como a automoción, aeronáutica, naval-marítima, eólica mariña ou enerxías renovables, entre moitas outras. Estamos por tanto ante unha industria moi consolidada, que xera o 20% do PIB industrial galego e máis de 57.000 empregos. Vivimos momentos de incertidume, pero, a pesar de todo, a nosa industria está moi diversificada e acostumada a capear temporais, polo que miramos con certo optimismo a este ano 2024. Non por iso debemos relaxarnos, xa que a complexa situación xeopolítica actual vainos obrigar a explorar novos mercados, á vez que traballamos intensamente na dixitalización da nosa industria e en atallar a enorme falta de profesionais cualificados, que está poñendo en xaque o propio crecemento e competitividade da nosa industria.

No ámbito das enerxías renovables, como valoran o potencial de Galicia na enerxía eólica mariña?

A nosa industria non só ten unha dilatadísima experiencia en toda a cadea de valor deste sector, senón que o noso territorio tamén conta cun enorme recurso eólico que agora regula a demarcación Noratlántica do Plan de Ordenación Marítima (POEM), onde se establecen máis de 2.000 quilómetros cadrados con potencial eólico mariño, o 43% de todas as zonas aprobadas para esta actividade no conxunto de España. Estamos, por tanto, ante unha oportunidade sen precedentes.

Ademais, cando falamos de capacidade, falamos da experiencia e saber facer da nosa industria eólica e naval-marítima que, a diferenza de moitos outros países e rexións, pode dar solución completa á cadea de valor da eólica mariña. É por iso que non debemos centrarnos unicamente na instalación de parques, senón en converter a España e Galicia en concreto nun hub de referencia como polo de innovación europea que proporcione tamén solucións de I+D e exporte tecnoloxía pioneira. Isto vai desde a enxeñaría e o desenvolvemento, pasando pola construción de barcos de apoio ou a propia fabricación de eólicos e estruturas de cimentación fixa e flotante. Xa o estamos facendo para promotores internacionais, agora é o momento de explotar esta industria tamén nas nosas propias fronteiras.

Que oportunidades abre esta enerxía para a cadea de valor?

A realidade é que hoxe en día en Europa só hai capacidade para prover a un 50% de todos os parques eólicos mariños que se plantexa desenvolver. Aí é precisamente onde Galicia ten unha oportunidade sen precedentes, porque a nosa industria xa está moi ben posicionada a nivel internacional. De feito, dos 5 únicos parques eólicos flotantes implantados en Europa, 3 teñen tecnoloxía galega.

En Asime levamos desde o ano 2013 impulsando a eólica mariña a través do noso Galician Offshore Energy Group. Traballamos por potenciar e exportar a nosa capacidade industrial neste ámbito, sempre defendendo a compatibilidade con outras actividades. A oportunidade é maiúscula, estamos falando de xerar ata 9.000 novos empregos en 10 anos e un efecto tractor en 200 empresas. Este é o camiño irrenunciable cara a descarbonización da nosa economía.

Tamén pode interesarche