Inicio
Actualidade

Ao día!

26/02/2024

A Xunta de Galicia destina 1,5 M€ a startups innovadoras

Comparte este artigo

A convocatoria contempla apoios de ata 20.000 euros por iniciativa co obxectivo de favorecer a creación e consolidación de novas iniciativas empresariais

A creación de novas empresas por parte de emprendedores innovadores é un factor clave para a dinamización económica, a creación de emprego e o fomento da cultura da innovación. Neste contexto, xa está en marcha o primeiro programa específico de apoio ás startups galegas impulsado pola Xunta de Galicia. A convocatoria, dotada con 1,5 M€, ten como obxectivo apoiar proxectos de emprendedores innovadores e axudalos a superar un dos obstáculos máis habituais que se atopan no lanzamento dos seus proxectos, como son o financiamento dos custos habituais necesarios para a posta en marcha da nova actividade ou a consolidación da mesma.

Por iso, os beneficiarios obterán o 100% dos gastos que xustifiquen para a posta en marcha ou o afianzamento das súas startups, cun máximo de 20.000 euros por iniciativa. Serán subvencionables os gastos ou investimentos nos que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.

A adxudicación será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas resolveranse por orde de rexistro de entrada da solicitude. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro de 2024 ás 14 horas, agás que antes desa data se esgotase o orzamento dispoñible. 

Axenda Startups Galicia 

A Xunta de Galicia ten en marcha a Axenda Startups Galicia 2022-2024, un paquete de medidas que suma case 15 M€ para favorecer o crecemento das empresas de base tecnolóxica e fomentar a creación de riqueza e emprego. 

Ademais, as startups galegas teñen tamén á súa disposición as chamadas business factories, programas de aceleración de empresas de diferentes sectores, como a alimentación (Business Factory Food), automoción (Business Factory Auto) ou a aeronáutica (Business Factory Aero); así como a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; e outras iniciativas como ViaGalicia.

Tamén pode interesarche