Moitas veces, os autónomos e as pequenas empresas pensamos que a protección da innovación non vai connosco. Semella algo reservado ás grandes corporacións, ás tecnolóxicas internacionais ou aos proxectos que manexan patentes millonarias. E, con todo, a realidade é ben diferente: a maioría dos negocios, mesmo os máis pequenos, teñen algo valioso que deberían protexer.
O problema é que, a miúdo, nin sequera sabemos que é o que se pode ou debe protexer. É unha marca? O nome do produto? O deseño dun envase? Un método de traballo propio? O funcionamento dunha app? A resposta adoita ser máis ampla do que imaxinamos.
Por iso, neste artigo propoñémosche varios exemplos reais e sinxelos, pensados para que calquera profesional ou pequena empresa poida identificar os seus propios activos intanxibles e comprender por que protexelos pode marcar a diferenza entre crecer con seguridade ou quedar expostos ante copias e imitacións.
Protexer o que creas, un recurso ao alcance de todos
A protección da innovación non é un luxo senón unha ferramenta estratéxica tanto para negocios pequenos como grandes empresas. Protexer unha marca, un deseño, un método ou un produto innovador é garantir que aquelo que marca unha diferencia continúa sendo teu. A finalidade non é outra que evitar que outros se apropien do teu esforzo e tamén unha forma de aumentar o valor da empresa.
Protexer esa innovación significa:
- Evitar copias non desexadas e manter a exclusividade do que te fai diferente.
- Aumentar o valor da empresa, xa que marcas e patentes son activos intanxibles que se poden vender, licenciar ou ceder.
- Gañar credibilidade, especialmente en sectores onde a competencia é alta.
- Crear unha base legal sólida para negociar con distribuidores, socios ou investidores.
- Facilitar a expansión cara a novas liñas de negocio ou cara ao exterior.
- Canto máis pequena é unha empresa, máis importante é protexer cada paso que dá.
1. A marca de cosmética artesanal que conquista clientes polo seu nome e presentación
Imaxinemos unha emprendedora que crea en Ferrolterra unha pequena marca de cosmética natural baseada en plantas galegas. Vende en liña e en mercados locais, e pouco a pouco comeza a ter éxito.
O risco aparece cando outra marca, ao ver o tirón destas propostas naturais, lanza un produto cun nome moi parecido e un envase case idéntico. Se a emprendedora non ten a súa marca rexistrada, pode perder non só o nome da súa empresa, senón tamén o recoñecemento que gañou.
O que pode facer para protexerse é
- Rexistrar a marca: o nome e o logotipo convértense en exclusivos.
- Protexer o deseño do envase: se é orixinal, pode rexistrarse como deseño industrial.
- Protexer unha fórmula ou método, se é innovador, mediante patente.
- O rexistro non é un trámite: é un escudo.
2. O cociñeiro que converte unha creación culinaria nun sinal distintivo
Un cociñeiro autónomo do Salnés crea un prato que comeza a atraer visitantes polo seu aspecto tan especial como o seu sabor, unha sobremesa que recrea un pequeno bosque atlántico no prato.
A receita non se pode patentar, as receitas non entran na categoría de patente, pero o deseño, a presentación visual da preparación, si pode protexerse. É un activo máis do restaurante e unha maneira de evitar que outros establecementos copien de forma literal unha creación que require experimentación e talento.
O nome do restaurante, ou mesmo o nome comercial do cociñeiro, tamén se poden rexistrar como marca, reforzando a identidade do proxecto gastronómico.
3. A app dun autónomo que pode perderse se non se protexe ben
Un programador de Lugo desenvolve unha aplicación para facilitar as reservas en pequenos aloxamentos turísticos. A app comeza a funcionar e unha plataforma máis grande detecta o potencial. Sen a protección adecuada, esa compañía podería lanzar unha aplicación moi similar ou mesmo apropiarse dun nome case igual.
Neste caso, o autónomo pode protexer:
- A marca da aplicación (o nome comercial).
- O software, mediante dereitos de autor, deixando constancia da súa titularidade.
- Unha patente, se incorpora un sistema técnico novo e cunha aplicación práctica clara.
- Ao facelo, garante que a idea que naceu no seu ordenador siga sendo súa.
Moitos autónomos pensan que rexistrar unha marca ou unha patente é caro, complexo ou pouco necesario, sobre todo nos primeiros meses dun proxecto. É xusto ao revés, protexer en momentos iniciais adoita ser máis barato e evita problemas futuros que poden poñer en risco todo o traballo feito.
Dispor dun acompañamento profesional, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode resultar determinante para unha implantación exitosa. Aproveita o asesoramento especializado e os recursos gratuítos ao teu alcance para fortalecer o teu proxecto empresarial.