A enerxía tamén é estratexia para autónomos e pemes: 4 claves para o aforro coa eficiencia enerxética

A xestión responsable dos recursos converteuse nun elemento clave para mellorar a competitividade das empresas, nun momento no que toda acción que levemos a cabo ten unha gran repercusión nos resultados. Entre eses recursos, a enerxía ocupa un lugar destacado xa que impacta directamente nos custos operativos, condiciona o funcionamento diario e inflúe na percepción que a clientela e o mercado teñen das organizacións.

Por iso, a eficiencia enerxética xa non é unha opción secundaria, senón unha ferramenta de planificación empresarial imprescindible. E non está pensada só para grandes compañías. Ao contrario: autónomos e pemes son os que máis poden beneficiarse da adopción de medidas que lles permitan reducir consumo, mellorar procesos e acceder a novas vías de apoio público.

A eficiencia como parte da estratexia empresarial

Mellorar a eficiencia enerxética non é un exercicio técnico ou unicamente ambiental, é unha decisión empresarial xa que para moitos pequenos negocios, os gastos asociados ao consumo eléctrico representan unha parte importante do orzamento anual. Pequenas variacións no custo da subministración poden supoñer diferenzas significativas na rendibilidade, e ese escenario fai que cada paso cara a unha mellora teña un impacto real e inmediato.

Nos últimos anos, moitos autónomos e pemes galegas iniciaron pequenas transformacións que lles permitiron avanzar cara a modelos máis eficientes, dende o cambio de iluminación, pasando pola actualización de equipos de climatización, ata a incorporación de solucións de monitorización que facilitan coñecer con exactitude onde, cando e como se consume a enerxía. Moitas destas accións requiren investimentos moderados e poden contar con axudas públicas destinadas precisamente a facilitar esta transición.

A eficiencia non é só aforro, tamén é mellor organización, maior confort nos espazos de traballo, máis fiabilidade dos equipos e unha maior coherencia cos retos ambientais.

Eficiencia enerxética na práctica: pequenas accións, grandes resultados

Non falamos de grandes investimentos, senón de cambios intelixentes e razoables que poden aplicarse en calquera sector como son:

1. Iluminación eficiente é o primeiro paso que todo negocio pode dar

Sustituír luminarias antigas por LED supón ata un 80% menos de consumo, maior vida útil, menos mantemento e unha mellor calidade da luz no espazo de traballo ou no local comercial.

Unha zapataría, unha oficina pequena, un estudo creativo ou un restaurante poden reducir custos de forma inmediata só con este cambio.

2. Equipos de climatización máis eficientes

A climatización é un dos consumos máis altos das pemes. Moitos autónomos traballan en locais pequenos onde a calefacción ou o aire acondicionado funcionan practicamente todo o día. Cambiar a sistemas máis eficientes (por exemplo, bombas de calor de alta eficiencia) pode supoñer entre un 30% e un 50% de aforro, un mellor control da temperatura e unha redución de emisións.

Un exemplo é o dun estudio creativo situado nun baixo comercial dun municipio do interior. O incremento das horas de traballo con luz artificial e o uso continuo da climatización provocaban unha factura energética elevada. A substitución progresiva das luminarias por sistemas LED e a renovación dun equipo antigo de aire acondicionado por unha bomba de calor de maior eficiencia permitiron reducir o gasto mensual de maneira sostida.

3. Optimización de procesos: a enerxía escondida

Algunhas pemes non se dan conta de que o seu consumo real non é tanto o que ven na factura, senón o que se esconde nos hábitos diarios como son equipos que quedan accesos fóra de horario, máquinas infrautilizadas que consumen máis do necesario, sistemas de refrixeración sen mantemento ou iluminación en zonas sen uso.

Por exemplo un pequeno restaurante situado nunha zona costeira. Os equipos de refrixeración e a climatización supoñían unha parte importante do seu consumo enerxético anual. Tras realizar unha auditoría, detectouse que certos sistemas funcionaban fóra de horario e que a falta de mantemento reducía a eficiencia. A reprogramación dos equipos, o axeitado control das temperaturas e a renovación dun frigorífico industrial melloraron significativamente a situación

Pequenas medidas, como instalar temporizadores, sensores de movemento ou programar os equipos correctamente, poden marcar unha gran diferenza.

4. A importancia da auditoría enerxética, tamén para as pemes

Unha auditoría enerxética non é un proceso complexo nin caro, e ten un beneficio claro: identificar onde e como se pode aforrar enerxía.

É especialmente útil para talleres, comercios, pequenas industrias, oficinas ou hostalaría. Moitas veces, os aforros detectados son tan evidentes que se amortizan en pouco tempo.

Para comprender de forma clara o impacto que pode ter a eficiencia enerxética nun negocio pequeno, basta con observar casos prácticos que xa forman parte do día a día. Os autónomos e as pemes teñen un papel protagonista neste proceso, e a eficiencia enerxética é, sen dúbida, unha das súas mellores aliadas.

Contar con apoio personalizado, como o da Oficina Económica de Galicia, pode marcar a diferenza no éxito da implantación. Solicita o asesoramento especializado gratuíto e utiliza os recursos dispoñibles para impulsar a túa empresa.