A Oficina Económica de Galicia e Sabadell Gallego xuntan esforzos para poñer a disposición das empresas ata 300 M€ para o seu financiamento

  • O Igape e a entidade asinan un acordo que, entre outras cuestións, asegura a avaliación das operacións nun prazo máximo de sete días e que se dea prioridade aos sectores estratéxicos e ás zonas rurais

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acaba de asinar un acordo con Sabadell Gallego para facilitar o acceso a financiamento a pemes, autónomos, emprendedores e grandes empresas galegas, especialmente a aquelas que reciben asesoramento da Oficina Económica de Galicia.

O acordo establece unha liña específica de financiamento por importe de ata 300 millóns de euros destinada a proxectos empresariais novos ou en expansión. Ademais, inclúe a creación dun circuíto de coordinación directa entre os equipos de riscos de ambas entidades, que permitirá avaliar as operacións nun prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da documentación.

Deste xeito, o convenio reforza o novo modelo de acompañamento que vén impulsando a Consellería de Economía e Industria, especialmente a través da Oficina Económica de Galicia, facilitando un trato máis próximo, máis áxil e centrado nas necesidades reais do tecido produtivo galego.

Prioridade para sectores clave e zonas rurais

O novo convenio, que foi asinado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e polo director xeral do Sabadell Gallego, Pablo Junceda, contempla a prioridade na tramitación de proxectos procedentes de sectores estratéxicos como o mar-industria, o agroalimentario, o das utilities ou o emprendemento innovador, así como proxectos situados en zonas rurais ou economicamente desfavorecidas.

Tamén se pon o foco nas startups e empresas tecnolóxicas, que poderán acceder ao programa BStartup de Banco Sabadell, con oficinas especializadas en Galicia e opcións de investimento directo a través do programa BStartup 10.

Este acordo reforza o papel da Oficina Económica de Galicia, integrada no Igape, como punto de contacto único para empresas e persoas emprendedoras. Ata o momento, e desde a súa posta en marcha hai un ano, a Oficina ten xestionado preto de 19.000 consultas, cun tempo medio de resposta inferior ás 24 horas no 85 % dos casos.

Ademais, este 2025 prevese a apertura dunha sede en Madrid de Oficina Económica de Galicia na Casa de Galicia co obxectivo de reforzar a captación de investimento nacional e internacional cara a Comunidade.