- Lorenzana apunta que tamén se levan concertado 430 reunións de asesoramento empresarial entre outros asuntos, para abordar 164 proxectos de especial relevancia
- Resalta que os orzamentos do Igape para 2025 medran un 20 por cento respecto ao ano anterior, cunha aposta decidida polo apoio empresarial
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor a boa acollida que está a ter a Oficina Económica de Galicia que, desde que entrou en funcionamento en abril, leva atendidas ata o de agora 9.464 consultas, 1.000 delas nas últimas tres semanas, e case un 80% resoltas no acto.
Nunha xornada informativa na que participaron algunhas das empresas que se levan beneficiado dos servizos desta entidade, a conselleira avanzou que tamén se levan concertado 430 reunións de asesoramento empresarial entre outros asuntos, para abordar 164 proxectos de especial relevancia.
“O que pretendemos é desburocratizar os procedementos administrativos”, dixo Lorenzana, que avogou por facer da Administración un aliado da empresa. “Traballamos con vós, tentando facer o proxecto noso para que exista un promotor público” desa iniciativa. “Tratamos de falar o voso mesmo idioma”, remarcou.
Xunto con isto, tamén mencionou que, ao longo destes meses, se realizaron máis dunha decena de accións en colaboración con Xesgalicia, con outros departamentos da Xunta e e con axentes externos ao Igape como o Ministerio de Industria, SEPIDES (Empresa pública de Financiamento Empresarial), ENISA (Empresa Nacional de Innovación), BEI (Banco Europeo de Investimentos), ICEX, Cesce (Compañía de Xestión Integral do Crédito Comercial), e confederacións de empresarios, universidades e centros tecnolóxicos.
“O obxectivo que temos con este proxecto, simplificar, está encadrado dentro de toda a estratexia económica da Xunta de Galicia. Estamos tentando poñer a empresa no centro das políticas económicas que estamos facendo. Temos que tratar de que a empresa poida crecer sen que a Administración estorbe”, resaltou.
A conselleira cualificou o contexto económico de Galicia como moderadamente bo, tal e como demostra o índice de confianza empresarial, que sitúa a comunidade como a segunda con maior crecemento; a boa marcha das exportacións, cun incremento no que vai de ano do 2,9% (20.093,2 M€), que contrasta co descenso do 0,5% na media de comunidades; ou a cifra de negocios da industria, onde Galicia é a cuarta autonomía con maior crecemento anual.
A conselleira concluíu aludindo aos orzamentos do Instituto Económico de Galicia (Igape) para 2025 que, segundo dixo, medran un 20 por cento respecto ao ano anterior, cunha aposta decidida polo apoio empresarial.