A Xunta activa un novo programa de axudas que suma 1,5 M€ para reforzar a ciberseguridade das empresas galegas

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria dunha liña que permitirá cubrir ata o 75 % do custo de servizos especializados prestados por entidades homologadas
  • As actuacións inclúen diagnóstico de riscos, implantación de solucións técnicas avanzadas, accións de sensibilización ou asistencia na implantación de estándares recoñecidos
  • As axudas tramítanse en concorrencia non competitiva e o pagamento realizarase directamente aos provedores, sen que as empresas deban adiantar o custo

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do programa Empresa Cibersegura 2025, unha nova liña de axudas impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, dirixida a mellorar a preparación dixital das empresas galegas fronte aos riscos crecentes no entorno dixital.

Cun orzamento total de 1,5 millóns de euros, o programa facilitará a adopción de solucións técnicas avanzadas en materia de seguridade da información, reducindo as vulnerabilidades e fortalecendo a confianza no ecosistema dixital galego.

A convocatoria está deseñada para atender as necesidades tanto de pequenas como de medianas e grandes empresas, promovendo unha verdadeira cultura da ciberseguridade no tecido produtivo. A través de entidades provedoras homologadas, as compañías beneficiarias poderán acceder a un amplo catálogo de servizos especializados: desde auditorías de riscos e probas de vulnerabilidades ata a implantación de sistemas de seguridade, políticas internas ou acompañamento estratéxico mediante o modelo CISO as a Service.

A intensidade da axuda será do 75 % dos custos subvencionables, cun máximo de 30.000 euros por proxecto, e tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, o que permite a súa concesión por orde de entrada das solicitudes que cumpran cos requisitos.

Ademais, a mecánica do programa está pensada para minimizar a carga económica das empresas, xa que o pagamento se realizará directamente ao provedor homologado, sen que a empresa teña que adiantar fondos. Tamén se contempla a posibilidade dun pagamento a conta de ata o 50 % da subvención, logo da xustificación parcial da actuación.

Tres grandes bloques

As actuacións subvencionables abarcan desde un diagnóstico inicial da madurez dixital e os riscos de ciberseguridade, ata a execución de itinerarios técnicos especializados en contornos cloud (IaaS), tecnoloxías da información (ITaaS) ou tecnoloxías operativas industriais (OTaaS). Inclúense tamén servizos de hacking ético, campañas de sensibilización, asistencia na implantación de estándares de calidade e seguridade, e mesmo a contratación de servizos estratéxicos neste campo.

O prazo para que as entidades especializadas soliciten a súa homologación como provedores permanecerá aberto ata o 25 de setembro de 2025. Unha vez resolta a lista de provedores homologados, abrirase a fase de solicitude para as empresas, que disporán de prazo ata o 15 de novembro de 2025.

A través desta liña a Xunta reforza a súa aposta por un tecido produtivo máis moderno, innovador e competitivo, contribuíndo á creación dun entorno dixital máis seguro para toda a sociedade galega.

A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.