- Celebrarase o venres, 5 de setembro, en Santiago de Compostela, en colaboración coa Empresa Común SESAR e no marco das actuacións da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia promove unha xornada de traballo para dar a coñecer as oportunidades que ofrecen as convocatorias da Empresa Común SESAR ás empresas e centros de coñecemento galegos, un evento no que tamén se detallarán á industria as principais liñas de traballo da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
A xornada, que terá lugar o venres, 5 de setembro, no Palacio del Carmen de Santiago de Compostela baixo o título Cooperación estratéxica para un Ceo Europeo Dixital, enmárcase nas actuacións da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo impulsada polo Goberno galego para desenvolver e fortalecer a presenza de Galicia nestes sectores, promovendo a longo prazo o crecemento empresarial e a actividade industrial no territorio e creando oportunidades profesionais para a mocidade.
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao lembra os principais obxectivos da nova Iniciativa Estratéxica: impulsar o crecemento das empresas que forman parte do ecosistema galego de seguridade, defensa e aeroespazo e amplialo coa incorporación de novas empresas procedentes doutros sectores estratéxicos; materializar novos investimentos industriais; reforzar as capacidades produtivas territoriais de Galicia, incluíndo o acceso a capital, a infraestruturas e a persoas traballadoras cualificadas; e liderar novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta como goberno emprendedor e exemplar no impulso da colaboración público-privada. E, ao fío, invitou a todas aquelas persoas e empresas interesadas en coñecer máis polo miúdo as oportunidades que ofrece o sector a que asistan ás xornadas do venres.
No encontro participarán como poñentes José Antonio Calvo Fresno, asesor de relacións con stakeholders e asuntos corporativos de SESAR; Juan Francisco Reyes Sánchez, representante español en SRG Clean Aviation e SESAR; e Farrah Lisa Meghazi, Subdirectora Xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial. Ademais, no evento haberá espazo para un diálogo coas empresas, co obxectivo de promover a cooperación e a xeración de oportunidades entre axentes do sector.
A Empresa Común SESAR 3 (SESAR 3 JU) é unha asociación institucional público-privada da Unión Europea, creada en 2021 coa misión de acelerar, a través da investigación e a innovación, a posta en marcha da iniciativa de Ceo Europeo Dixital, que busca modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa.
Lanza periodicamente convocatorias de proxectos de investigación e innovación no marco de Horizonte Europa, dirixidas a universidades, centros tecnolóxicos, empresas e organizacións do sector aeronáutico, co fin de financiar solucións que impulsen a transición ecolóxica e dixital do transporte aéreo europeo.