A Xunta aposta pola cooperación atlántica como motor dunha industria máis limpa, competitiva e sostible

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración do encontro Atlantic Green Hub, impulsado por Viratec e Aclima, que converte Galicia en punto de referencia da sustentabilidade e da innovación ambiental no Atlántico
  • Subliña que a cooperación entre clústeres e ecosistemas empresariais de Galicia e Euskadi marca un fito na creación dun modelo industrial máis limpo, competitivo e sostible
  • Destaca que a Xunta, a través do Igape, aposta por programas que combinan innovación, dixitalización e sustentabilidade para fortalecer o tecido produtivo galego e impulsar a transición verde en liña co Pacto Verde Europeo

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración do encontro Atlantic Green Hub, celebrado na Cidade da Cultura, que reúne durante dous días a empresas, centros tecnolóxicos e expertos de Galicia e Euskadi co obxectivo de avanzar conxuntamente na transición ecolóxica e na competitividade industrial.

Na súa intervención, Toca destacou que “Galicia é hoxe o epicentro do eixo atlántico verde”, un encontro que “sitúa Galicia como referente do eixo atlántico en sustentabilidade e innovación medioambiental”. Lembrou que “non é casualidade que este encontro sexa en Galicia: somos unha terra innovadora e comprometida, onde empresas, clústeres, universidades e administracións traballan cada vez máis unidas para dar respostas reais aos grandes retos ambientais”.

A directora subliñou que o Atlantic Green Hub, impulsado por Viratec -Clúster Galego de Solucións ambientais e Economía Circular- e co liderado compartido con Aclima           -Clúster del Medio Ambiente Vasco- “está concibido para consolidarse como a gran cita da sustentabilidade e a competitividade industrial do eixo atlántico”. Engadiu que a colaboración entre Viratec e Aclima “marca un fito na cooperación empresarial e tecnolóxica entre Euskadi e Galicia, dúas rexións que comparten unha visión común: impulsar un modelo industrial sostible, innovador e competitivo desde o Atlántico”.

Toca Carús destacou que “os retos ambientais son globais, pero as solucións poden, e deben, construírse desde os territorios, desde a colaboración e desde a experiencia compartida”. Reivindicou tamén que esta alianza “é un exemplo de colaboración público-privada eficaz, na que administracións, empresas, universidades e centros tecnolóxicos suman capacidades para xerar valor”, e que “simboliza ese espírito atlántico que Galicia quere seguir liderando: unha rede de rexións que cooperan para competir, que comparten valores e que entenden que o futuro será sostible”.

Neste contexto, a directora lembrou que Galicia comparte plenamente os obxectivos do Pacto Verde Europeo, “a gran estratexia da Unión Europea para alcanzar a neutralidade climática en 2050”, así como do Pacto Industrial Limpo, “que promove unha industria europea descarbonizada, dixital e resiliente, capaz de producir con menos emisións e maior valor engadido”.

Toca Carús destacou o compromiso da Xunta coa innovación e a sustentabilidade, dúas caras da mesma moeda no novo modelo económico galego. Neste marco, subliñou o conxunto de programas e iniciativas que impulsa o Igape para apoiar as empresas na súa transformación tecnolóxica e verde, favorecendo o ecodeseño, a dixitalización e a creación de emprego cualificado. Tamén lembrou a aposta pola colaboración público-privada a través de redes como as Business Factories, entre elas a BF ClimaTech, que promoven proxectos innovadores e contribúen a construír un tecido industrial máis sostible e con futuro.