Madrid, 25 de febreiro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no XIX Encontro de direccións xerais do Foro ADR, organización que reúne ás Axencias de Desenvolvemento Rexional españolas, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia tanto pola innovación e a transformación dixital como pola proximidade e simplificación dos trámites administrativos na procura de seguir a mellorar a competitividade do tecido empresarial galego abrindo novas oportunidades de negocio.
Así mesmo, a directora referiuse tamén á posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para promover a desburocratización, facilitando a entrada das empresas á administración. Unha Oficina que está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego, achegando un asesoramento personalizado e un plan individual de apoios ás empresas, ao tempo que se simplifica o camiño e se axilizan os trámites para a posta en marcha de proxectos empresariais en Galicia.