A Xunta convoca axudas de case 4 M€ para promover as exportacións e o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional

  • Trátase dos programas Foexga (2,4 M€) e Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€), para impulsar misións comerciais ao estranxeiro así como a participación en feiras ou noutros eventos expositivos
  • Desde o ano 2014 destináronse máis de 28 M€ a estas dúas liñas, con máis de 500 misións empresariais no marco do programa Foexga e máis de 1.200 empresas participantes nas accións agrupadas ao amparo da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria dos programas Foexga (2,4 M€) e Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€), con axudas para promover as exportacións e o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional.

Xestionados polo Instituto Económico de Galicia (Igape), o primeiro destes programas, o Foexga, realízase en colaboración coas cámaras de comercio e contempla a organización de máis de cen misións empresariais ao estranxeiro nas que se prevé que participen arredor de 400 pemes galegas.

Nesta convocatoria, son máis de 90 os mercados prioritarios, entre os que se atopan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Marrocos, Brasil, México, Costa Rica, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

As accións previstas inclúen misións empresariais directas ao estranxeiro, así como participación en feiras e outros eventos expositivos. Estas iniciativas recibirán apoios do 70 por cento dos gastos directos do proxecto, con ata un 7 por cento adicional para cubrir custos indirectos, en réxime de concorrencia non competitiva.

Galicia Exporta Organismos Intermedios

Con respecto á liña Galicia Exporta Organismos Intermedios, búscase fomentar a cooperación empresarial a través de accións conxuntas de promoción no exterior, coordinadas por agrupacións empresariais. Este apoio permitirá impulsar ata 200 accións de internacionalización en máis de 40 países, nas que se espera a participación de ata 180 pemes.

A través desta liña específica para proxectos colectivos, promoveranse actividades de difusión, participación en eventos internacionais e accións de prospección de mercados. A axuda máxima por solicitude e beneficiario poderá alcanzar os 400.000 euros.

Desde 2014, o Goberno galego destinou máis de 28 millóns de euros a estas dúas liñas de apoio, o que permitiu organizar máis de 500 misións empresariais a través do programa Foexga e facilitar a participación de máis de 1.200 empresas en accións conxuntas da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios. Ambas as dúas forman parte da Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que contribuíu a que Galicia alcanzase un récord histórico en exportacións: máis de 31.000 millóns de euros ao peche de 2024.