A Xunta defende en Madrid o modelo galego de apoio ao emprendemento como fórmula para atraer talento e impulsar a innovación dende o territorio

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na mesa redonda ‘Importancia dos Ecosistemas Rexionais en España’ no marco da presentación do Informe Empresas Tech e Innovadoras
  • Subliña que o modelo galego combina financiamento público, redes de internacionalización e aceleradoras sectoriais que teñen permitido apoiar máis de 830 proxectos e crear 1.400 empregos cualificados
  • Destaca que a Oficina Económica de Galicia e Xesgalicia consolidan a estrutura de acompañamento e capital que fai posible transformar ideas en empresas viables, mentres que a rede de hubs tecnolóxicos e a conexión coas universidades garante a transferencia efectiva do coñecemento ao tecido produtivo

Madrid, 28 de maio de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na mesa redonda ‘Importancia dos Ecosistemas Rexionais en España’ no marco da presentación do Informe Empresas Tech e Innovadoras, un escenario no que puxo en valor o modelo galego de apoio ao emprendemento como motor de transformación económica e social, atraendo talento e impulsando a innovación desde o territorio. Neste sentido, destacou que Galicia “non pretende competir por volume, senón por especialización, madurez dos sectores e valor engadido”.

Durante a súa intervención, Toca sinalou que a Comunidade conta cun ecosistema que integra instrumentos financeiros como Xesgalicia, estruturas de acompañamento como a Oficina Económica de Galicia -que xa atendeu máis de 21.000 consultas e 950 reunións empresariais desde a súa creación en 2024-, e unha rede de aceleradoras sectoriais (Business Factories) que permiten transformar ideas en empresas e motores de cambio.

Toca Carús detallou o bo facer desta rede de Business Factories impulsadas pola Xunta en colaboración coas empresas tractoras e os centros tecnolóxicos. Estas aceleradoras, como BFAuto, BFFood, BFAero ou BF ClimaTech, levan apoiados máis de 830 proxectos empresariais e xerado máis de 1.400 empregos cualificados.

Unha rede á que, como explicou, sumouse este ano a nova BFSport, centrada en tecnoloxía e rendemento deportivo, ao tempo que xa se está a traballar nas vindeiras dedicadas á saúde e ás enerxías renovables. “Son aceleradoras que nacen dende dentro do sistema produtivo galego e que dan resposta a retos reais, xerando innovación aplicada e oportunidades laborais”, apuntou.

Retención e atracción de talento

A directora do Igape tamén fixo fincapé na capacidade do ecosistema galego para fixar talento local e atraer talento retornado ou especializado. A través da Estratexia Galicia Retorna, a Xunta busca facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior. O apoio ao emprendemento retornado, a visibilización do talento galego a través da rede de antenas internacionais ou a internacionalización de startups son algúns dos mecanismos que permiten crear conexións globais.

Por último, a directora sinalou que o ecosistema galego é posible grazas á colaboración efectiva entre administracións, universidades, centros tecnolóxicos e empresas. Iniciativas como os hubs de innovación dixital (DIHGIGAL e DATALIFE), os programas IGAPE Innova, IA360 ou Ticket Innova, e a participación activa das universidades e centros como CTAG, AIMEN ou ANFACO son clave para garantir unha transferencia de coñecemento efectiva.