- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na reunión do grupo de boas prácticas do Consello Interterritorial Internacionalización do ICEX e intervén na mesa redonda “Competitividade industrial: como financiar o futuro”, no marco do evento Wake Up Spain
- Presenta a Oficina Económica de Galicia como exemplo de nova gobernanza orientada á empresa e destaca as ferramentas da Xunta para atraer investimentos e axilizar proxectos estratéxicos
Madrid, 31 de marzo de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, representou hoxe á Xunta de Galicia na reunión do grupo de traballo de boas prácticas do Consello Interterritorial de Internacionalización do ICEX. Un encontro ao a que asistiu antes de participar na mesa redonda “Competitividade industrial: como financiar o futuro?”, celebrada no marco do foro económico Wake Up Spain, en Madrid.
Durante ambas intervencións, Toca Carús expuxo as liñas mestras da Oficina Económica de Galicia, un novo modelo de relación co tecido empresarial que pon á empresa no centro das políticas públicas e que simplifica e axiliza os procesos para emprender, medrar e investir en Galicia.
A Oficina Económica de Galicia, expuxo, en funcionamento desde abril de 2024, ofrece un plan individualizado de apoios e asesoramento especializado para cada proxecto, mediante un equipo de 100 asesores expertos nas áreas de industria, enerxía, innovación, financiamento e sustentabilidade.
Desde a súa posta en marcha, lembrou a directora, xa atendeu máis de 18.700 consultas e prestou asesoramento directo a 865 iniciativas empresariais, das cales 193 foron cualificadas como de especial relevancia.
Así mesmo, Toca Carús destacou tamén as medidas da Xunta para atraer investimentos e activar proxectos industriais estratéxicos, como a declaración de Proxectos de Interese Autonómico (PIA) ou Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE), que permiten reducir á metade os prazos administrativos, adxudicar solo empresarial de forma directa e conceder subvencións sen concorrencia competitiva.
Na súa intervención en Wake Up Spain, a directora do Igape reivindicou a coordinación institucional e a planificación proactiva como elementos clave para acadar unha Galicia máis competitiva, sostible e atractiva para o investimento nacional e internacional. “En Galicia temos claro que o futuro industrial pasa pola colaboración público-privada, a anticipación ás necesidades do tecido produtivo e unha tramitación áxil e eficiente. A Oficina Económica é o espello desa nova visión”, subliñou.