A Xunta destaca a boa acollida un ano máis da liña Igape-pemes que leva recibidas máis de 1.500 solicitudes de autónomos e microempresas

  • O Goberno galego incrementou o orzamento deste programa de apoios ata os 19 millóns de euros que poderían poñer en circulación ao redor de 150M€
  • Ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e tamén para pagamento ou reestruturación de débedas e o prazo para solicitalos permanecerá aberto ata o 30 de setembro

Chantada (Lugo), 6 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou esta mañá a boa acollida que, unha edición máis, está a ter a liña de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes, que leva recibidas no que vai de ano 1.578 solicitudes por un importe que supera os 241 millóns de euros.

A titular de Economía e Industria avanzaba estes datos durante a súa visita ao establecemento de turismo rural Casas do Pincelo, emprazado na localidade de Chantada, na provincia de Lugo, e que resultou beneficiada cun apoio deste programa na convocatoria do ano 2024. Concretamente, para levar a cabo as labores de rehabilitación dun dos edificios que compoñen este complexo residencial, así como para a construción dunha nova edificación.

María Jesús Lorenzana lembrou que o Goberno galego destina a esta iniciativa 19 millóns de euros para este ano, que posibilitará máis dun milleiro de operacións. Deste xeito, as axudas terán un impacto previsto en operacións financeiras que poderá alcanzar os 150 millóns de euros no ano 2025.  O prazo para solicitar os apoios remata o vindeiro 30 de setembro.

Con máis detalle, a conselleira explicou que a liña Igape-Pemes ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas. E afondou nas novidades da actual convocatoria entre as que destacou a flexibilización dos requisitos de xustificación ou a rebaixa do tipo de xuro máximos coa baixa do diferencial ao 1,80.

A liña Igape-Pemes leva beneficiados no período 2020-2024 a máis de 4.920 pemes e persoas autónomas galegas que puideron servirse dos créditos e impulsar a mobilización dun importe total de 389 millóns de euros.