- A directora do Igape, Covadonga Toca, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participaron hoxe na VI Xornada de Responsabilidade Social Empresarial do Foro Empresa Pontevedra
- Covadonga Toca subliña que a sustentabilidade, a boa gobernanza, a innovación e a intelixencia artificial son claves para fortalecer o tecido empresarial e impulsar novos modelos de crecemento
- Aposta por achegar a innovación e a IA ás pemes para mellorar procesos, orientar investimentos, impulsar proxectos tractores e favorecer a creación de novas actividades económicas
Pontevedra, 12 de decembro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na VI Xornada de Responsabilidade Social Empresarial do Foro Empresa Pontevedra, un marco no que destacou o papel central da responsabilidade social empresarial (RSE) como verdadeiro motor de transformación económica, competitividade e desenvolvemento sostible en Galicia.
Durante a súa intervención, destacou que a xornada aborda temas decisivos para o futuro económico da comarca e de Galicia —sustentabilidade, gobernanza, economía verde e azul, economía circular, dixitalización, intelixencia artificial e emprendemento— e que todos eles están conectados polo fío común da responsabilidade social empresarial.
A directora explicou que o Igape seguirá traballando para que pemes e autónomos poidan incorporar a innovación, a dixitalización e a intelixencia artificial dun modo accesible e útil, e destacou que ferramentas como o Observatorio Económico da Área e da Ría de Pontevedra, promovido polo Foro Empresa, serán clave para orientar investimentos, mellorar procesos e impulsar proxectos con maior base analítica.
Subliñou que a información territorial e sectorial que xeran estas ferramentas permitirá ao Igape acompañar as empresas con maior precisión, axudándoas a identificar oportunidades reais, definir investimentos con máis criterio e impulsar novas actividades económicas alí onde exista potencial de crecemento. Ademais, destacou o papel da Oficina Económica de Galicia como punto de apoio transversal para facilitar e acompañar calquera iniciativa empresarial ou proxecto estratéxico, simplificando procesos e acelerando tramitacións.
Toca rematou reiterando que “a Xunta continuará acompañando, impulsando e facilitando unha transformación baseada en datos, innovación e sustentabilidade, para construír un tecido empresarial máis competitivo e preparado para o futuro”.
Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, que participou na mesa sobre Economía verde: modelos de xestión agroforestal e de bioeconomía nas áreas rurais de Pontevedra, puxo en valor a importancia do sector forestal-madeira, os recursos forestais dispoñibles na área e as posibilidades de transformación industrial e xeración de valor de produtos como a madeira -pola súa capacidade de fixar carbono-, a biomasa e outros recursos como froitos e servizos.