A Xunta destaca a súa aposta pola competitividade empresarial con máis recursos, innovación e acompañamento personalizado

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no I Gran Foro de Competitividade e Reindustrialización, onde subliña que “reindustrializar Galicia é unha oportunidade para crear emprego, reter talento e facer medrar as nosas pemes sen que perdan a súa esencia”
  • Reivindica o papel da Oficina Económica como eixo vertebrador do acompañamento ás pemes e subliña que Galicia está a reforzar a súa aposta pola innovación, a capacitación e a internacionalización como eixos clave para a competitividade empresarial
  • Resalta que a Xunta está a activar medidas específicas para facer fronte ás barreiras arancelarias, con préstamos brandos, asesoramento técnico e novos servizos de consultaría

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no I Gran Foro de Competitividade e Reindustrialización, un marco no que expuxo as principais liñas que está a promover a Xunta de cara a impulsar a competitividade do tecido empresarial galego cunha aposta decidida pola innovación, o talento, a internacionalización e o reforzo da capacidade financeira, “piares para construír unha Galicia máis forte, resiliente e conectada co mundo”.

Durante a súa intervención, a directora do Igape sinalou que “reindustrializar Galicia é unha oportunidade para crear emprego, reter talento e facer medrar as nosas pemes sen que perdan a súa esencia”.

Así, Toca Carús, salientou que a Xunta está a reforzar a súa aposta pola innovación, a capacitación e a internacionalización como eixos clave para a competitividade empresarial en Galicia, a través de programas que impulsan o uso da intelixencia artificial, o apoio a proxectos sostibles e o acceso das pemes a servizos especializados. Xunto a isto, destacou o investimento no desenvolvemento do talento directivo e a formación en ámbitos estratéxicos como o comercio exterior ou a transformación dixital.

No ámbito exterior, Galicia consolida o seu liderado exportador cun apoio público centrado na identificación de mercados, a dixitalización e a coordinación de misións comerciais para ampliar a presenza internacional das empresas galegas.

Ademais, a Xunta está a activar medidas específicas para facer fronte ás barreiras arancelarias, con préstamos brandos de ata un millón de euros, asesoramento técnico en coordinación coa Antena do Igape en Miami, e novos servizos de consultaría no marco do programa Reacciona.

Oficina Económica e Plans directores

Neste contexto, expuxo a directora, a Oficina Económica de Galicia, creada en 2024, consolídase como un referente no acompañamento empresarial: máis de 21.000 consultas atendidas, 200 proxectos estratéxicos e 950 reunións coordinadas no seu primeiro ano. “A Oficina Económica non centraliza, facilita. É un espazo que escoita, orienta, conecta e resolve”, resumiu.

“Cada programa -xa sexa de innovación, formación, internacionalización, financiamento ou competitividade- deséñase pensando nas necesidades específicas de cada sector estratéxico”, apuntou, indicando que, deste xeito, todos os recursos públicos actúan de forma coordinada e coherente, “acompañando ás empresas en cada paso da súa transformación e contribuíndo aos obxectivos de crecemento, emprego de calidade e sustentabilidade”.