A Xunta destaca en Monforte o potencial do emprendemento rural como motor de innovación e cohesión territorial

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración do encontro “Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural” onde reivindica esta aposta como fórmula para xerar emprego, fixar poboación e proxectar Galicia ao mundo
  • Pon en valor o papel da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, mantivo 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.
  • Subliña que programas como Conecta Lugo e Conecta Ourense achegan a pemes e autónomos información, asesoramento e acceso a axudas e sinala que a BFAero permitiu “situar a Lugo e Galicia na vangarda europea no eido dos drons e da mobilidade aérea avanzada”
  • Lembra que o programa Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada de hoxe, leva case unha década de percorrido, con máis de 100 actividades e 20.000 participantes

Monforte de Lemos (Lugo), 1 de outubro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Monforte na inauguración do encontro Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural, onde defendeu o papel estratéxico do emprendemento rural como motor de innovación, cohesión territorial e proxección exterior. Neste sentido, sinalou que o rural galego “é talento, creatividade e futuro” e que, grazas á innovación, está a transformar as comarcas galegas en espazos capaces de xerar emprego, fixar poboación e abrir Galicia ao mundo.

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou iniciativas como a queixería Airas Moniz, en Chantada, ou a proposta A Túa Xanela, que exemplifican a “innovación con raíces” e evidencian que “o rural galego é, hoxe en día, un verdadeiro laboratorio de innovación, capaz de achegar solucións a grandes retos globais como a sustentabilidade, a transición ecolóxica ou a dixitalización”.

Toca Carús salientou que o labor do Igape vai máis alá de políticas ou programas, xa que supón unha nova maneira de entender a súa misión: estar preto do tecido empresarial, anticiparse ás súas necesidades, reducir barreiras e ofrecer respostas áxiles. Nese sentido, destacou a actividade da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, mantivo 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.

Tamén puxo en valor iniciativas como Conecta Lugo e Conecta Ourense, que achegan información, asesoramento e acceso a axudas en innovación, dixitalización, internacionalización ou sustentabilidade. Lembrou que toda a actividade do Igape apunta a un mesmo obxectivo: lograr que o investimento e a innovación cheguen a cada recuncho de Galicia, xerando emprego de calidade e fortalecendo a cohesión territorial. Exemplificou este compromiso coa BFAero, que situou a Lugo e Galicia na vangarda europea dos drons e da mobilidade aérea avanzada, así como coas Business Factories sectoriais, que conectan talento, industria e futuro.

Por último, destacou a importancia da capacitación empresarial a través do programa Capacita Directivos, que leva case unha década de percorrido con máis de 100 actividades e 20.000 participantes. Subliñou que o seu propósito é dotar ás persoas directivas de visión estratéxica e capacidade de liderado nunha contorna de cambios constantes, impulsados por pancas como a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade, a automatización de procesos ou os xemelgos dixitais.