A Xunta destaca o éxito da aceleradora BF ClimaTech como modelo de innovación verde e colaboración público-privada

  • A directora do Igape destaca o papel do emprendemento como motor dunha Galicia máis innovadora e competitiva
  • Subliña que as startups seleccionadas desenvolveron solucións reais para os ámbitos da auga, a construción, o sector primario, os residuos téxtiles e a pegada de carbono
  • Sinala que a segunda edición, xa en marcha, conta con 15 proxectos en aceleración e o respaldo, unha vez máis, de empresas tractoras, centros científicos e investidores especializados

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura da primeira edición da aceleradora BF ClimaTech, impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co clúster Viratec, e que se salda coa creación de catro novas empresas verdes e máis de 300 contactos comerciais.

Esta primeira edición, expuxo Toca Carús, iniciou a súa andaina en outubro do ano pasado recibindo 31 candidaturas, das cales se seleccionaron cinco proxectos innovadores centrados na transición ecolóxica, a economía circular e a redución de emisións. Ademais das empresas creadas, leváronse a cabo máis dun cento de actividades de apoio -titorizacións, mentorías, encontros con investidores e eventos-, que fortaleceron o ecosistema emprendedor verde en Galicia.

Os proxectos participantes foron BioAqua, un aditivo biolóxico para descontaminar augas, en colaboración con Viaqua; Agrolinera, centrado na dixitalización da recollida de residuos gandeiros, con apoio de Agroamb; Arraigo, que promove vivendas de madeira industrializadas e emisións cero, en colaboración con Finsa; Wastex, que aplica intelixencia artificial para a valorización de residuos téxtiles, con Sogama; e Carbon Manager CO₂, unha ferramenta dixital para calcular e reducir a pegada de carbono empresarial.

No seu discurso, Covadonga Toca puxo en valor o modelo colaborativo da aceleradora, que combina talento emprendedor, apoio científico e implicación do tecido empresarial e financeiro: “A participación activa de empresas tractoras e investidores permitiu validar solucións en contornas reais e acurtar o camiño entre a idea e o mercado”.

A directora do Igape lembrou que BF ClimaTech forma parte da rede de aceleradoras da Xunta, que xa ten apoiado máis de 830 proxectos e xerado máis de 1.400 empregos cualificados en sectores como a automoción, a aeronáutica, a alimentación ou o deporte. Neste sentido, Toca lembrou que ClimaTech se suma a outras iniciativas xa consolidadas como BFAuto, BFAero, BFFood, ViaGalicia ou BFSport.

Toca Carús avanzou tamén que a segunda edición da aceleradora xa está en marcha desde marzo, sumando 15 proxectos que traballan en itinerarios de incubación, aceleración ou consolidación, co acompañamento de centros científicos, empresas e investidores especializados. Esta nova convocatoria prolongarase ata finais de ano.

A directora pechou a súa intervención reafirmando o compromiso da Xunta co emprendemento innovador e coa construción dunha Galicia “máis verde, máis competitiva e máis internacional” a través de instrumentos como a Oficina Económica de Galicia, liñas específicas de financiamento ou o impulso continuo a novas aceleradoras en sectores como a saúde ou as enerxías renovables.