A Xunta destina 96.000 euros á ampliación das infraestruturas viarias do polígono da Pastoriza

  • O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Consellería de Economía e Industria financia a actuación con cargo á orde de axudas a concellos para mellorar as áreas empresariais
  • O proxecto contempla actuar nun treito de 155 metros, coa execución de beirarrúas, accesos ás parcelas, dotación dos servizos necesarios e conexión co sistema de vixilancia e seguridade do parque

A Pastoriza (Lugo), 28 de outubro de 2025

A Consellería de Economía e Industria destina 96.000 euros á ampliación das infraestruturas viarias do polígono da Pastoriza, con cargo á orde de axudas a concellos para acometer melloras nas áreas empresariais.

O delegado territorial, Javier Arias, e o alcalde, Darío Cabaneiro, visitaron a zona para informar sobre o proxecto, que se executará nunha parte do parque sen urbanizar, dándolle continuidade cara o Oeste.

Así, está previsto acometer novas infraestruturas viarias nun treito de 155 metros, con beirarrúas a ambos lados e accesos ás parcelas, incluídos os rebaixes nos bordos para facilitar a entrada de vehículos.

Tamén se habilitarán as canalizacións de baixa tensión, saneamento e abastecemento. Ademais, adecuarase o alumeado público e as instalacións de vixilancia e seguridade, que estarán conectadas co sistema de cámaras existente no polígono.

O obxectivo é crear os servizos necesarios para o asentamento de novas empresas. Actualmente, 17 firmas desenvolven a súa actividade nesta área industrial, cuxa superficie rolda os 100.000 metros cadrados.

Arias destacou que esta orde de axudas da Xunta “contribúe á modernización e á competitividade dos polígonos industriais”, e facilitan que as empresas “dispoñan dos servizos e infraestruturas que precisan para desenvolver o seu traballo”.

As achegas foron convocadas no mes de febreiro cun crédito de 3M€, e ante a boa acollida que tiveron entre os concellos ampliouse o orzamento en 2,5M€ para financiar máis proxectos.