- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da xornada “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, organizada pola Asociación de Empresarios SEARA
- Lembra que Goberno galego ten activas neste 2026 liñas de apoio por máis de 280 M€ para reforzar a competitividade, a innovación, a internacionalización e o financiamento empresarial
- Destaca a nova convocatoria do Fondo de Transición Xusta, dotada con máis de 100 M€, para impulsar a reindustrialización nas zonas afectadas polo peche das térmicas
As Pontes (A Coruña), 10 de febreiro de 2026
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración da xornada informativa “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, celebrada nas instalacións da Asociación de Empresarios SEARA, no Polígono Industrial de Penapurreira, en As Pontes, xunto co alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, onde presentou ás empresas da comarca o conxunto de apoios que a Xunta de Galicia ten en marcha para este ano.
Durante a súa intervención, Toca explicou que o Igape ten activadas para 2026 a maior parte das súas liñas de apoio, cun “paquete histórico” de máis de 280 millóns de euros, orientado a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, a internacionalización e o acceso a financiamento. Subliñou que se trata dunha estratexia pensada para ofrecer certeza e planificación ás empresas nun contexto económico esixente, marcado pola transformación dixital, a transición tecnolóxica e a competencia global.
No eido da innovación, a directora do Igape destacou a posta en marcha de novos instrumentos específicos para impulsar a transformación tecnolóxica da industria, así como a continuidade de programas consolidados de apoio á aplicación da intelixencia artificial, á mellora de procesos e á incorporación da innovación nas pemes. En paralelo, lembrou que a internacionalización segue a ser un piar clave da acción do organismo, con liñas que apoian a saída ao exterior, a promoción internacional e a participación en feiras e misións comerciais.
Toca Carús puxo tamén o foco no papel do financiamento público como ferramenta para acompañar o crecemento empresarial, a través de préstamos, liñas de crédito e instrumentos financeiros adaptados ás distintas fases do ciclo de vida das empresas, desde a creación ata a expansión.