A Xunta mobiliza máis de 186 M€ en axudas empresariais a través do maior paquete de apoios anticipados na historia do Igape

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, expón no Parlamento de Galicia as actuacións desenvolvidas polo Instituto no primeiro trimestre, no que, por primeira vez, concentráronse 15 liñas de axuda ás que se sumaron despois outras catro de internacionalización
  • Destaca a aposta polo financiamento con préstamos directos ou liñas de acceso ao crédito en colaboración coas SGRs e as entidades financeiras
  • No ámbito da competitividade, o Igape puxo en marcha programas que suman máis de 46 M€, entre os que destacan a liña para atraer novos investimentos produtivos a Galicia, cunha dotación de 12 millóns de euros, ou o programa de apoio a startups, orientado a empresas emerxentes que precisan validar as súas ideas no mercado
  • No tocante á innovación, puxo en valor tres novos programas promovidos neste eido: IA360 (10,2 M€) para facilitar a adopción da intelixencia artificial en pemes galegas; Igape Innova (4 M€) e Ticket Innova (1 M€)
  • Subliña os 12,5 M€ destinados á internacionalización con programas como o Galicia Exporta Empresas ou o FOEXGA, aos que se suma a rede de Antenas empresariais do Igape, que este ano activará unha nova oficina en Brasil
  • Resalta outras ferramentas como Xesgalicia, que mobilizará este ano 22 M€ en investimentos, ou a Oficina Económica de Galicia, que nos seu primeiro ano en funcionamento atendeu xa máis de 21.000 consultas e asesorou máis de 200 proxectos estratéxicos

Santiago, 15 de maio de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das actuacións desenvolvidas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) neste primeiro trimestre do ano. Así, e segundo salientou, por primeira vez na historia do organismo público, concentráronse no mes de xaneiro quince liñas de axuda distintas, ás que se sumaron despois outras catro específicas para apoiar a internacionalización, sumando en total 19 programas de apoio e máis de 186 millóns de euros mobilizados. “Nunca antes se puxera tanto, tan pronto e con tanto foco a disposición das empresas galegas”, sinalou.

A intervención, estruturada nos eixos de financiamento, competitividade, innovación e internacionalización, debuxou un amplo abano de apoios “con vocación de cobertura total, que entende que a mellor política económica é estar ao carón das empresas”.

Así, o novo modelo financeiro activado polo Igape combina préstamos directos, liñas avaladas e subvencións de xuros, mobilizando máis de 115 millóns de euros en recursos públicos. A liña de préstamos directos do Igape, dotada con 50 millóns, ofrece tipos de xuro moi vantaxosos e permite financiar proxectos estratéxicos de innovación, internacionalización, capital circulante ou concentración empresarial.

Pola súa parte, a liña de acceso as crédito aspira a formalizar máis de mil operacións e poñer en circulación 150 millóns de euros de crédito con bonificacións de ata 1,8 puntos. Ademais, activouse unha liña para grandes empresas da provincia da Coruña no marco do Fondo de Transición Xusta, outra de novacións de débeda e unha subvención para xuros para operacións financiadas con fondos europeos ou instrumentos públicos.

Impulso á competitividade

No ámbito da competitividade empresarial, o Igape puxo en marcha actuacións por valor de 46 M€. Entre elas destaca a liña de apoio á implantación de empresas en Galicia, con 12 M€, cunha subvención de ata o 35% do investimento en activos tanxibles e intanxibles, ou a liña para o impulso ao investimento en equipamento (10 M€).

Así mesmo, e para fomentar o emprendemento innovador, a directora destacou a reedición do programa de apoio ás startups galegas cun orzamento de 1,5 M€. Tamén se destinan 3 M€ á transformación dixital, e 700.000 € a obradoiros multidisciplinares; e os clústeres empresariais contan cunha liña específica que financia plans de cooperación, internacionalización, formación ou innovación compartida.

Innovación estratéxica

Sobre esta base, a directora subliñou que Igape lanzou este ano un conxunto pioneiro de liñas para fomentar a innovación no tecido produtivo, que suman máis de 15 M€ neste primeiro trimestre. O programa IA360 (10,2 M€) está orientado á introdución da intelixencia artificial nas pemes, tanto a través do desenvolvemento tecnolóxico propio como da integración de ferramentas comerciais e accións formativas.

Ademáis, proseguiu Toca Carús, a liña Igape Innova busca apoiar proxectos de transformación dixital, deseño de produtos e eficiencia produtiva; e o programa Ticket Innova ofrece un acceso sinxelo e áxil á innovación para pemes que se inician.  Estes tres programas, afondou a directora do Igape, intégranse na nova Área de Innovación Empresarial do Instituto, que ten como misión coordinar axentes, conectar recursos e tecer redes no ecosistema galego de I+D+i.

A aposta pola internacionalización

A estes eidos súmase, tamén, a aposta pola internacionalización, explicou Toca Carús. Un campo no que a Xunta destinou este ano 12,5 millóns de euros a apoiar a saída ao exterior das empresas galegas.

Así, expuxo, a través de Galicia Exporta Empresas (8,3 M€), as pemes poden acceder a fondos para accións en feiras internacionais, campañas de márketing exterior ou proxectos de dixitalización orientados á exportación; o programa Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€) promove accións colectivas de promoción no exterior; e o FOEXGA (2,38 M€) facilita a participación conxunta en eventos a través das cámaras de comercio. As grandes empresas contan cunha liña específica dentro de FOEXGA (250.000 €) co obxectivo de exercer un efecto tractor sobre as pemes.

Ademais, a rede de Antenas empresariais do Igape da cobertura ao tecido empresarial en mercados estratéxicos como México, EE.UU., Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos, actuando como delegacións avanzadas do Igape que supoñen “o primeiro apoio co que contan as empresas galegas cando queren entrar nun novo país”.

En conxunto, explicou a directora, estas antenas cobren un mercado potencial de máis de 2.000 millóns de consumidores. Unha base sobre a que se está a traballar para por en marcha dúas novas oficinas, a primeira en Brasil, que mellorará a conexión co mercado latinoamericano; e outra en estudo nestes momentos.

Xesgalicia e a Oficina Económica

A directora destacou tamén o papel de Xesgalicia, con saldos dispoñibles para investimentos por valor de 140 M€ e un impacto que vai alén do capital achegado: “Cada operación atrae máis do dobre de investimento privado”. Casos como Fandicosta, Marsan ou Sabor de Mar exemplifican o seu papel estabilizador, mentres que startups como UARX SPACE ou Centum amosan o seu apoio a proxectos disruptivos.

Todo este amplo abano compleméntase, subliñou Toca Carús, coa Oficina Económica de Galicia, que se está a consolidar como punto de entrada para empresas: máis de 21.000 consultas atendidas, 950 reunións e 200 proxectos asesorados desde a súa creación en abril de 2024.

“Estamos a falar dunha iniciativa deseñada para facilitar a relación entre as empresas e a administración, eliminando trabas burocráticas e ofrecendo un servizo integral de asesoramento e acompañamento. Queremos unha administración que fale a súa linguaxe, que anticipe os seus desafíos e que as acompañe”, resumiu a directora.