- A directora do Igape, Covadonga Toca, expón no Parlamento de Galicia un modelo que busca facilitar o labor das empresas, unha xanela única que simplifica trámites, reduce burocracia e ofrece acompañamento en tempo real, situando ao tecido produtivo no centro da acción pública
- Subliña que no seu primeiro ano de actividade a Oficina sumou máis de 26.800 consultas, das que o 84% foron resoltas no acto, celebrou preto de 1.300 reunións, e acompañou máis de 330 proxectos de especial relevancia
- Avanza que se está a ultimar a habilitación dun punto permanente en Madrid e destaca a conexión coas antenas do Igape en China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón e Marrocos e EE.UU., de especial relevancia no marco da nova política arancelaria
- Resalta a incorporación de servizos innovadores como o climate proofing ou os Grupos de Traballo con Empresas, xunto co reforzo da colaboración bancaria para garantir financiamento adaptado a proxectos
- Salienta que a Oficina está a impulsar proxectos tractores en sectores clave, xerando emprego cualificado e novas plantas, ao tempo que se facilita a implantación industrial en concellos pequenos para fixar poboación e garantir equilibrio territorial
Santiago, 11 de setembro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do traballo que está a desenvolver a Oficina Económica de Galicia, un instrumento que, como subliñou, é xa unha realidade consolidada que “representa unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o noso tecido produtivo”.
Neste sentido, Toca Carús sinalou que a Oficina foi concibida como unha xanela única de atención centralizada, nacendo co obxectivo de desburocratizar, simplificar e acompañar ás empresas en tempo real, ofrecendo itinerarios completos que inclúen asesoramento técnico, análise de viabilidade, acceso a financiamento, coordinación administrativa e apoio á implantación final dos proxectos.
A directora do Igape destacou que, no seu primeiro ano de funcionamento, a Oficina atendeu máis de 26.800 consultas, das que o 84 % se resolveron no acto, e celebrou preto de 1.300 reunións de asesoramento empresarial. Así mesmo, a Oficina está a acompañar máis de 330 proxectos de especial relevancia. Deste xeito, afondou os datos confirman “unha administración próxima, áxil e útil, valorada polas empresas cunha nota media superior a 4,8 sobre 5”.
Durante a súa intervención, Toca Carús expuxo que a estrutura da Oficina baséase en cinco piares: un espazo físico diferenciado e accesible, a transformación tecnolóxica con ferramentas dixitais avanzadas, un equipo humano especializado, a coordinación interdepartamental e unha estratexia de comunicación clara e directa.
Todo isto, continuou a directora, compleméntase cunha rede de expertos externos en ámbitos como financiamento, enerxía, innovación ou sustentabilidade, e con programas como o Reacciona, que ofrecen apoio en competitividade, internacionalización e dixitalización.
Crecemento da Oficina
A directora do Igape salientou tamén o proceso de expansión da Oficina, que en vindeiras datas contará cun punto permanente en Madrid, situado na Casa de Galicia, pensado tanto para empresas galegas que operan na capital como para investidores interesados en proxectos no noso territorio. Ademais, reforzouse a conexión coa rede internacional de antenas do Igape en EE.UU., China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón ou Marrocos, que facilitan contactos, identifican oportunidades e acompañan a internacionalización empresarial.
Neste contexto, Toca Carús puxo en valor o papel que está a xogar a Antena de Miami para “protexer ás empresas galegas” nun mercado marcado pola nova política arancelaria. Fronte a ela, lembrou, estase a despregar un paquete de medidas que inclúe asesoramento personalizado, axudas ás compañías máis expostas e o impulso á diversificación de mercados adaptando as estratexias de exportación.
Novos servizos
Outra das novidades, proseguiu a directora, é a incorporación de novos servizos especializados, como o climate proofing, que integra a adaptación ao cambio climático no deseño dos proxectos de infraestruturas, ou os Grupos de Traballo con Empresas, metodoloxía pioneira para coordinar proxectos de gran envergadura que requiren longa execución e atención continua. Así mesmo, e no ámbito financeiro, reforzouse a colaboración co sistema bancario para ofrecer financiamento adaptado.
O impacto desta estrutura vese xa no impulso a proxectos tractores en sectores como a automoción, o naval, a enerxía renovable, a economía circular, as TIC, a biotecnoloxía, o turismo ou o contract. Estes proxectos, salientou Toca Carús, “tradúcense en emprego cualificado, novas plantas produtivas e oportunidades para que a mocidade galega atope futuro aquí”. Ademais, grazas ás novas figuras de solo como as Zonas Industriais Rurais (ZIR) e as ZAPES, facilítase a implantación de industria en concellos pequenos, contribuíndo ao equilibrio territorial e á loita contra a despoboación.
“A Oficina Económica resolve, facilita e conecta; transmite unha mensaxe clara: a Xunta de Galicia está aquí para escoitar, apoiar e impulsar. Quen aposta por Galicia, sabe que Galicia aposta por el”, concluíu a directora do Igape.