- Lorenzana destaca o papel da oficina que funciona coma un canal único de atención especializada para as empresas e a industria
- Pola súa banda, José González valora positivamente o establecemento dun modelo regulatorio que dote de uniformidade os procedementos de posta en marcha de actividades comerciais sempre e cando se respecten a singularidades das CC.AA. e dos concellos
- Os titulares de Economía e Comercio da Xunta volveron reclamar ao Goberno central unha política económica que favoreza a atracción de investimentos e o asentamento de empresas, piares do crecemento dun país
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron esta tarde por videoconferencia na Conferencia Sectorial para la Mejora Regulatoria y el Clima de Negocios. Unha xuntanza na que os representantes da Xunta volveron insistir nos importantes avances en materia de desburocratización, axilización e simplificación administrativa que está levando a cabo o Goberno galego para acompañar ás empresas.
Neste marco, a titular de Economía e Industria, destacou a creación da Oficina Económica de Galicia que depende do Igape, e a figura dos proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dunha tramitación acelerada nun prazo máximo dun ano, permitindo así que as empresas desenvolvan as súas iniciativas dun xeito máis rápido e gañen en competitividade.
Segundo expuxo, a Oficina Económica de Galicia que tamén terá sede en Madrid -a primeira fóra da Comunidade- funciona coma un canal único para as empresas e a industria, e é o punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Desde a súa posta en marcha no mes de abril xa atendeu unhas 13.000 consultas.
Lorenzana explicou ademais que este servizo de atención especializada e próxima ás empresas permite a Galicia posicionarse como destino atractivo e diferenciado para o investimento, atraer e facilitar a implantación de novos negocios, seleccionar e captar os investimentos que complementen as cadeas de valor, e favorecer o mantemento e ampliación dos investimentos que xa existen na Comunidade.