A Xunta pon en valor as altas capacidades das empresas galegas para participar en proxectos europeos de seguridade, defensa e aeroespazo e captar investimentos neste sector

  • A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, inaugurou a xornada Cooperación estratéxica para un Ceo Europeo Dixital promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Empresa Común SESAR no marco da nova Iniciativa de Seguridade, Defensa e Aeroespazo
  • No evento lembrou que ata o 22 de setembro está aberto o prazo para participar no diálogo estratéxico coa industria da Iniciativa, un instrumento innovador promovido polo Goberno galego para coñecer de primeira man as necesidades das empresas galegas do sector

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, inaugurou esta mañá a xornada Cooperación Estratéxica para un Ceo Europeo Dixital, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Empresa Común Sesar, onde puxo en valor as altas capacidades das empresas galegas para participar en proxectos europeos de defensa, seguridade e aeroespazo e captar investimentos neste sector.

O evento centrouse en dar a coñecer ao tecido empresarial as oportunidades que ofrece o programa de Ceo Europeo Dixital, o marco da aviación en Europa e as experiencias de sinerxías rexionais así como en detallar obxectivos, programas de investimento e actuacións concretas da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 promovida pola Xunta para aproveitar as oportunidades que o novo contexto internacional ofrece ás entidades galegas.

Ardao convidou ás empresas asistentes á xornada a participar no diálogo estratéxico aberto pola Xunta de Galicia para coñecer as necesidades concretas a curto, medio e longo prazo da industria coa finalidade de aliñar os instrumentos de investimento da Iniciativa cos requirimentos do ecosistema. Lembrou que o prazo está aberto ata o 22 de setembro.

O Ceo Europeo Dixital

SESAR constitúe o piar tecnolóxico da política do Ceo Único Europeo da Unión Europea e un elemento estratéxico da Estratexia de Mobilidade Sustentable e Intelixente da Comisión Europea. A súa misión é definir, desenvolver e despregar tecnoloxías punteiras que transformen a xestión do tráfico aéreo en Europa.

A Empresa Común SESAR 3 é unha asociación público-privada institucional europea creada para acelerar, a través da investigación e da innovación, a materialización desta transformación dixital: o Ceo Dixital Europeo. O seu labor céntrase en aproveitar, impulsar e acelerar a adopción das solucións máis avanzadas para xestionar aeronaves convencionais, drons, taxis aéreos e vehículos de maior altitude.