- A resolución publicada no DOG canaliza preto de 2 M€ en axudas a agrupacións empresariais innovadoras que lideran proxectos en sectores estratéxicos e emerxentes como a automoción, a acuicultura, a saúde ou a economía circular
- Os apoios cubrirán ata o 70 % do investimento e permitirán desenvolver plans orientados á dixitalización, internacionalización, sustentabilidade ou cooperación intersectorial
- A través deste programa, a Xunta leva mobilizados máis de 17 M€ desde 2013 para apoiar iniciativas que fortalecen o tecido produtivo galego
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025
A Consellería de Economía e Industria a través do Igape vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria das axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras. Uns apoios que suman case 2 millóns de euros e que permitirán apoiar un total de 19 proxectos en ámbitos clave da economía galega.
Neste sentido, o programa ten como finalidade impulsar a competitividade, a innovación e a cooperación empresarial mediante o apoio a clústeres que agrupan empresas e centros tecnolóxicos, de investigación ou formación. O obxectivo é poñer en valor o seu papel como motores da modernización do tecido produtivo e como canles de transferencia de coñecemento e tecnoloxía.
As axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, poden alcanzar ata o 70 % do custo subvencionable, cun importe máximo por proxecto de 400.000 euros. Ademais, permítense pagamentos a conta de ata o 80 % da subvención concedida, sen esixencia de garantías.
A convocatoria contempla actuacións como a realización de estudos e diagnósticos sobre cadeas de valor, plataformas de vixilancia tecnolóxica, prospección de mercados, mapas sectoriais ou accións de divulgación e concienciación sobre temas como a dixitalización, a sustentabilidade ou a internacionalización. Tamén se inclúen iniciativas para fomentar a colaboración entre empresas e sectores, favorecendo a hibridación de coñecementos e capacidades.
Na convocatoria resolta resultaron beneficiarias entidades representativas de sectores estratéxicos e emerxentes como a automoción (CEAGA), a acuicultura, a madeira, a biotecnoloxía (Bioga), o audiovisual, a economía circular (Viratec), o deporte, a comunicación ou o sector TIC. Tamén figuran clústeres industriais como o do naval (Aclunaga), o metal (ASIME), o téxtil ou o da biomasa.
Coa resolución desta última convocatoria, a Xunta acumula xa o apoio a preto de 70 iniciativas de clústeres desde o lanzamento desta liña, cunha achega pública que supera os 12 millóns de euros e un investimento mobilizado de máis de 20 millóns.
Deste xeito, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha política industrial avanzada, que sitúa os clústeres como axentes tractores do cambio e aliados estratéxicos na modernización do tecido empresarial galego.