- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun encontro de traballo cos proxectos da 6ª edición da Business Factory Aero, achegándolles os servizos da Oficina Económica de Galicia e as principais liñas de axuda activadas este ano polo Instituto
- Desde a súa posta en marcha, a BFAero apoiou 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando a creación de máis de 220 empregos cualificados
- Esta sexta edición pechou a convocatoria cun récord de 110 iniciativas inscritas, das que un 57% proceden de emprendedores nacionais e internacionais
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá nun encontro de traballo coas startups seleccionadas na sexta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa impulsado pola Xunta de Galicia para apoiar o emprendemento no sector aeroespacial, aeronáutico e de vehículos non tripulados.
Na reunión, celebrada na Cidade da Cultura, participaron tamén representantes de empresas tractoras e entidades colaboradoras do ecosistema aeroespacial galego. O obxectivo do encontro foi establecer un diálogo directo entre a administración e os proxectos incubados e acelerados, co fin de detectar as súas necesidades máis urxentes e abrir novas vías de colaboración.
Durante a súa intervención, Covadonga Toca presentou os servizos da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto áxil e personalizado que ofrece atención técnica especializada, apoio operativo e acompañamento estratéxico nunha contorna de proximidade e confianza, especialmente útil para sectores de alta innovación como o aeroespacial.
Así mesmo, a directora do Igape explicou as principais liñas de axuda activadas este ano polo Instituto, destacando os programas dirixidos a startups, os préstamos directos a proxectos estratéxicos, os apoios á transformación dixital ou as novas ferramentas para impulsar a saída ao exterior das empresas galegas.
A xornada concluíu cun espazo de networking no que os representantes das startups –como Kreios Space, Slimop Space, BirdStrikeDrone, Arzeos Aircraft ou Dronomy– puideron compartir en primeira persoa as súas propostas e inquietudes con responsables do Igape e doutros organismos asistentes, como NTT Data, Airbus, Avincis ou a Fundación CEL.
Business Factory Aero (BFAero)
A BFAero ten demostrado nestes anos un forte impacto tanto económico como industrial en Galicia. Desde a súa posta en marcha no ano 2018, apoiou 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando a creación de máis de 220 empregos cualificados. A sexta edición pechou a convocatoria cun récord de 110 iniciativas inscritas, das que un 57% proceden de emprendedores nacionais e internacionais.
Galicia consolídase así como un dos principais polos de innovación no sector aeroespacial no Estado, cun ecosistema dinámico que integra máis de 55 entidades públicas e privadas, todas elas unidas para impulsar solucións tecnolóxicas que respondan aos retos da industria e da sociedade.