- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe nunha xornada sobre gobernanza e retos do sector organizada pola Cámara de Comercio de Santiago, Abanca e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE)
- Reafirma o compromiso do Goberno galego no acompañamento á empresa familiar en procesos como o relevo xeracional, a profesionalización ou a dixitalización
- Lembra que máis do 92 % do tecido empresarial en Galicia está formado por empresas familiares, que xeran o 82 % do emprego privado e achegan o 85 % do Valor Engadido Bruto
Santiago de Compostela, 01 de xullo de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na xornada Retos e sistemas de gobernanza na empresa familiar, organizada pola Cámara de Comercio de Santiago, Abanca e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), onde destacou a importancia estratéxica da empresa familiar como “columna vertebral do tecido económico e social galego”.
Durante a súa intervención, a representante da Xunta puxo en valor o peso deste modelo empresarial na comunidade, que representa máis do 92 % das empresas activas, xera o 82 % do emprego privado e achega o 85 % do Valor Engadido Bruto, situándose moi por enriba da media estatal. “As empresas familiares achegan estabilidade e confianza nun contexto económico global volátil e cambiante”, sinalou Toca Carús, quen tamén subliñou o seu compromiso co desenvolvemento local e a súa vocación de permanencia.
A directora do Igape apuntou tamén aos desafíos que afronta o sector, como a adaptación tecnolóxica, as novas dinámicas fiscais ou as tensións comerciais internacionais, e asegurou que o Goberno galego traballa para ofrecer respostas e facilitar o camiño ao crecemento e á continuidade destas empresas.
Apoio ao relevo xeracional e á boa gobernanza
Toca Carús puxo o foco na importancia da boa gobernanza como ferramenta para asegurar a continuidade, aliñar os intereses familiares e empresariais e abrirse ao talento e á innovación. “Unha boa gobernanza permite manter o carácter familiar sen renunciar á profesionalización”, sinalou.
A directora repasou tamén os principais instrumentos de apoio do Igape, como o programa Reacciona, os plans de formación para directivos, as liñas de impulso á dixitalización, á internacionalización e á innovación, así como as medidas para avanzar en criterios Ambientais, Sociais e de Gobernanza (ASG). Tamén destacou a función da Oficina Económica de Galicia na simplificación administrativa.
No peche da súa intervención, a directora do Igape apelou á cooperación institucional como ferramenta para reforzar a competitividade e a sustentabilidade da empresa familiar galega. “Desde o Igape reafirmamos o noso compromiso con este modelo empresarial e reiteramos a nosa plena disposición a seguir traballando conxuntamente para facer de Galicia unha terra de oportunidades, de arraigo e de innovación”, concluíu.