A Xunta tende a man aos concellos afectados polos incendios para responder ás súas necesidades coa máxima axilidade a través das axudas para a reconstrución

  • As achegas do Goberno galego están exentas de tributación e as persoas beneficiarias poden solicitar, na maioría das liñas, anticipos do 100%
  • A Administración autonómica comprométese a reducir a burocracia na tramitación das solicitudes e tamén a axilizar os pagos

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado por membros do Goberno galego mantivo hoxe un encontro con alcaldes e alcaldesas de concellos afectados pola vaga de lumes deste verán para abordar as liñas de axudas que a Xunta vén de poñer en marcha para dar resposta aos danos provocados polos lumes.

Nunha intervención posterior ao encontro, o conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladou o “ton construtivo” da reunión, na que os representantes do Executivo autonómico detallaron as distintas liñas das axudas para a reconstrución das zonas afectadas polo lume aprobadas o pasado venres nun Consello da Xunta extraordinario en Ourense e publicadas ao día seguinte no Diario Oficial de Galicia (DOG). As axudas aprobadas e trasladadas hoxe aos rexedores e rexedoras inclúen indemnizacións por danos persoais; apoios para compensar os gastos das entidades locais, de empresas e tamén de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como medidas destinadas á rehabilitación e reconstrución de vivendas ou á recuperación de infraestruturas en espazos protexidos e hábitats cinexéticos.

Así, o conselleiro lembrou que desde o luns os damnificados xa teñen abertas todas estas liñas de axudas e tamén están abertas as 16 oficinas próximas ás zonas afectadas. Ademais, teñen á súa disposición atención telefónica a través do teléfono de atención e información á cidadanía, que se viu reforzado.

A reunión de hoxe foi “unha primeira toma de contacto” para expoñer as distintas ordes ás que se pode optar, coñecer as demandas dos concellos e atender as súas dúbidas. “Se durante a extinción a prioridade era protexer ás persoas e ás vivendas, unha vez extinguidos os últimos focos agora toca seguir ao lado dos concellos para axudarlles na reconstrución”, incidiu o responsable da Consellería de Presidencia.

A Xunta está a traballar arreo para resolver todas as solicitudes co compromiso de que “se reduza a burocracia na súa tramitación” e tamén se axilicen os pagos. Cómpre aclarar que as achegas do Goberno galego están exentas de tributación e, segundo lembrou Diego Calvo, os beneficiarios poden solicitar anticipos do 100% na maior parte das liñas de axudas. Nesta liña, matizou que no caso dos apoios contemplados para os gastos das entidades locais derivados das súas actuacións como consecuencia dos incendios, así como polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal, é preciso avaliar previamente os custos e xustificalos para habilitar os correspondentes convenios de colaboración.

Por outra parte, Diego Calvo engadiu que, á marxe das axudas, a Xunta, a través de Augas de Galicia, xa traballa para paliar os posibles efectos dos arrastres provocados polas choivas ou as escorrentías nos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a única das catro da comunidade que é de competencia autonómica. Neste senso, estanse a levar a cabo medidas para evitar que as cinzas cheguen aos ríos. A maiores, na reunión tamén se explicaron os traballos que xa se están realizando desde Medio Rural para estudar o terreo afectado e posteriormente realizar accións de prevención da erosión e restauración.