No ecosistema emprendedor e tecnolóxico, a innovación é o principal activo. Unha boa idea, unha app funcional ou unha solución dixital poden marcar a diferenza no mercado, pero tamén son especialmente vulnerables á copia, ao uso indebido ou á apropiación por terceiros.
Protexer a innovación non é só unha cuestión legal tamén é unha estratexia clave para mellorar a comercialización, atraer investimento e consolidar proxectos empresariais sostibles.
Por que a protección da innovación é clave no sector tecnolóxico?
As empresas tecnolóxicas traballan con activos intanxibles dende código, algoritmos, deseños, marcas, bases de datos a modelos de negocio dixitais. Estes elementos representan gran parte do valor real da empresa.
Unha estratexia adecuada de protección permite:
- Evitar copias e usos non autorizados.
- Reforzar a credibilidade fronte a clientes e investidores.
- Facilitar acordos comerciais e licenzas.
- Aumentar o valor da empresa en procesos de financiamento ou venda.
- Garantir a titularidade dos desenvolvementos propios.
Da idea ao mercado, fundamental protexer antes de comercializar
Un erro habitual nos proxectos emprendedores é lanzar o produto sen protexer previamente os activos clave. Compartir prototipos, presentar solucións a potenciais socios ou publicar versións beta sen medidas legais pode expoñer o proxecto a riscos innecesarios.
Antes de saír ao mercado é recomendable:
- Rexistrar a marca comercial e o nome da app ou plataforma.
- Asinar acordos de confidencialidade (NDA) con colaboradores, investidores e provedores.
- Definir contractualmente a propiedade intelectual dos desenvolvementos.
- Documentar os procesos técnicos propios.
Como evitar o roubo de proxectos e ideas
A idea en si mesma non se protexe, pero si os seus compoñentes clave. Para reducir riscos, as startups e empresas tecnolóxicas poden aplicar medidas prácticas como:
- Limitar o acceso ao código fonte e á documentación sensible.
- Utilizar repositorios privados con control de permisos.
- Establecer cláusulas de propiedade intelectual nos contratos laborais e de outsourcing.
- Protexer os procesos internos como segredo empresarial.
- Formalizar acordos antes de compartir información estratéxica.
Estas accións permiten demostrar a autoría, a titularidade e o dereito de explotación en caso de conflito.
Como protexer unha app ou produto dixital
As aplicacións móbiles e plataformas dixitais combinan distintos elementos protexibles. Unha estratexia completa debería incluír:
- Dereitos de autor sobre o software: O código fonte está automaticamente protexido como obra intelectual, pero é recomendable documentar o desenvolvemento e deixar clara a titularidade cando participan terceiros.
- Rexistro da marca da app: Protexer o nome comercial, logotipo e identidade visual evita que outras empresas lancen produtos similares con nomes parecidos.
- Deseño da interface (UI/UX): Determinados elementos visuais poden protexerse como deseño industrial se teñen carácter diferenciador.
- Contratos de desenvolvemento: Se a app é creada por unha empresa externa ou freelancers, debe establecerse por escrito que os dereitos pertencen á empresa promotora do proxecto.
- Protección como segredo empresarial: Algoritmos, sistemas de recomendación ou procesos internos poden manterse como información confidencial estratéxica.
Deste modo, darlle o valor que ten e protexer a innovación permite ás empresas tecnolóxicas medrar con maior seguridade, escalar modelos de negocio e internacionalizar produtos sen perder o control sobre os seus activos.
Para as persoas emprendedoras, integrar a protección da propiedade intelectual dende o inicio do proxecto non debería verse como un custo, senón como un investimento estratéxico que reforza a viabilidade e o valor da empresa a longo prazo.
Dar o seguinte paso é máis doado con apoio especializado. A Oficina Económica de Galicia acompáñate con asesoramento personalizado e recursos gratuítos para facer medrar a túa empresa.