- O delegado territorial de Lugo visitou a empresa Entrepán, beneficiaria de varios programas cos que o Goberno galego impulsa o tecido produtivo da provincia
Monforte de Lemos (Lugo), 7 de outubro de 2025
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou empresa de alimentación Entrepán, en Monforte de Lemos, para explicar algúns dos programas da Xunta orientados a impulsar o crecemento do tecido empresarial da provincia.
Entre eles figura a liña de acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes, da que se beneficiou esta firma monfortina para a adquisición dunha nave industrial. Estes incentivos van destinados a fomentar que as pemes emprendan novos negocios ou a consolidar iniciativas empresariais que xa estaban en marcha.
Así mesmo, Entrepán contou con outra achega do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para desenvolver un proxecto de aforro enerxético, consistente na implantación dun sistema de enerxía solar fotovoltaica cunha potencia de instalación de 50,140 kW nas súas dependencias.
Con esta medida, o Inega aposta por fomentar o autoconsumo nas empresas galegas co fin de reducir gastos e lograr máis eficiencia enerxética. Arias puxo en valor o compromiso das empresas que impulsan estes proxectos coa innovación e a sustentabilidade.
Por último, o delegado destacou o avance que supón a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia á hora de simplificar as relacións entre a Xunta e o tecido produtivo. Funciona como unha xanela única de atención centralizada, que ofrece a emprendedores e empresas asesoramento técnico, análise de viabilidade, acceso a financiamento, coordinación administrativa e apoio á implantación final dos proxectos. No seu primeiro ano de funcionamento, a oficina atendeu máis de 26.800 consultas e celebrou preto de 1.300 reunións de asesoramento empresarial.