As principais alternativas enerxéticas sostibles para as pemes galegas

A enerxía é un dos piares da competitividade empresarial. A súa dispoñibilidade, o seu custo e a súa xestión inflúen directamente na rendibilidade das pequenas e medianas empresas. En tempos de transición ecolóxica, o reto non é só reducir gastos, senón tamén apostar por modelos máis sostibles que reforcen o compromiso ambiental e a independencia enerxética. 

Cada vez máis empresas galegas están a dar o paso cara a un consumo enerxético máis intelixente, explorando fontes renovables que, ademais de coidar o medio ambiente, lles permiten mellorar a eficiencia e abrir novas oportunidades de negocio. A continuación detallamos cada una delas:  

Enerxía solar fotovoltaica: o autoconsumo que xa é realidade 

A instalación de paneis solares nun tellado ou nave industrial converteuse nunha das opcións máis populares. Permite xerar parte da enerxía que se consome a diario, reducir a dependencia da rede eléctrica e, mesmo, verter os excedentes para obter compensación económica. 

É unha solución cada vez máis común entre empresas de sectores como o agroalimentario, o comercial ou o loxístico, onde o consumo eléctrico é constante. En Galicia, moitas pemes xa incorporan sistemas de autoconsumo que lles permiten aforrar e gañar estabilidade fronte ás flutuacións dos prezos da luz. 

Biomasa e biogás: aproveitar os recursos do territorio 

A biomasa e o biogás son fontes renovables especialmente interesantes para o tecido empresarial galego, sobre todo no medio rural ou en sectores con actividade forestal, gandeira ou agroindustrial. 

O seu funcionamento baséase en usar restos de madeira, cascas ou residuos agrícolas como combustible para producir calor, vapor ou electricidade. Ademais, o biometano, un gas renovable xerado a partir de residuos orgánicos, está a gañar protagonismo.  

Coxeneración: rendemento máximo da enerxía 

A coxeneración permite producir, de forma simultánea, calor e electricidade a partir dun mesmo proceso. É dicir, optimízanse os recursos para obter dous servizos ao prezo dun. 

 Esta tecnoloxía é especialmente útil en empresas con procesos térmicos intensivos, como industrias alimentarias, papeleiras ou químicas,  e xa conta con ampla implantación en Galicia, con preto de cen instalacións en funcionamento, segundo o Instituto Enerxético de Galicia (Inega). 

Enerxía eólica e minieólica, cando o vento traballa a favor 

As empresas situadas en zonas ventosas ou con espazo dispoñible poden beneficiarse da enerxía eólica. Os sistemas eólicos de pequena escala permiten complementar outras fontes de xeración, como a solar, e crear un mix enerxético adaptado ás necesidades do negocio. 

Coordinada co consumo local, esta opción permite reducir a dependencia externa e garantir un abastecemento máis estable, sobre todo en instalacións illadas ou industriais. 

Xeotermia e enerxía térmica renovable 

A xeotermia, que aproveita a enerxía acumulada no subsolo, é unha alternativa eficiente para a calefacción, a refrixeración e mesmo para determinados procesos industriais. En Galicia, esta tecnoloxía comeza a implantarse tamén en empresas do sector servizos e hostaleiro, grazas ao seu baixo custo operativo e á súa estabilidade durante todo o ano. 

Redes enerxéticas locais e comunidades de enerxía: sumar para aforrar 

Outra opción en crecemento son as comunidades de enerxía, nas que varias empresas ou veciños comparten instalacións de autoconsumo. Este modelo recoñecido pola lexislación europea e española permite abaratar custos, aproveitar mellor os recursos e fomentar a cooperación local. 

Para os polígonos industriais galegos, estas redes enerxéticas locais poden ser unha ferramenta clave para avanzar cara á independencia enerxética e á competitividade sostible. 

Ferramentas para dar o paso

Antes de iniciar calquera proxecto, é fundamental realizar unha auditoría enerxética que identifique puntos de despilfarro, maquinaria pouco eficiente ou oportunidades de mellora. Esta diagnose axuda a dimensionar correctamente as instalacións e a definir o investimento necesario. 

Unha vez implantadas as solucións, é recomendable monitorizar o consumo en tempo real mediante sensores e software de xestión, e implicar o persoal con accións de formación e sensibilización. A cultura enerxética dentro da empresa é tan importante como a tecnoloxía instalada. 

Dende a Oficina Económica de Galicia podemos orientarte paso a paso cos teus primeiros pasos. Solicita o teu asesoramento gratuíto e inicia agora a transformación da túa empresa.