Autoconsumo fotovoltaico ou como unha pequena empresa se volve máis sostible

A transición enerxética deixou de ser unha opción para converterse nunha necesidade. As pemes galegas, especialmente aquelas con altos consumos eléctricos, teñen na enerxía solar unha oportunidade real para reducir custos e mellorar a súa pegada ambiental. O autoconsumo fotovoltaico non só supón aforro, senón tamén independencia enerxética e unha imaxe de marca máis sostible. 

O primeiro paso é analizar os patróns de consumo eléctrico: cantidade de enerxía utilizada, horarios de maior demanda e custos actuais na factura. Esta diagnose permite dimensionar correctamente a instalación fotovoltaica e calcular o retorno do investimento. 

  • Revisión de facturas eléctricas dos últimos 12 meses. 
  • Identificación de picos de consumo. 
  • Estudo do espazo dispoñible en cubertas ou terreos. 

Unha vez coñecido o consumo, realízase un estudo para determinar: 

  • Potencia necesaria (número de paneis solares). 
  • Orientación e inclinación da cuberta, para maximizar a produción. 
  • Investimento inicial fronte ao aforro esperado.
    En moitos casos, o período de amortización rolda entre 5 e 7 anos, dependendo da instalación e do prezo da electricidade. 

Existen dúas fórmulas principais de autoconsumo con excedentes vertidos á rede onde a  enerxía sobrante véndese á comercializadora, xerando ingresos adicionais. Ou o autoconsumo sen vertido no que toda a enerxía se utiliza  para consumo propio, cun sistema que evita a inxección á rede. A elección dependerá do perfil de consumo da empresa e do interese en obter ingresos pola enerxía excedentaria. 

Ademais débese ter en conta que unha instalación fotovoltaica require un mantemento moi baixo con revisións periódicas dos inversores e limpeza dos paneis (1-2 veces ao ano). Ademais, o seguimento a través de plataformas dixitais permite detectar incidencias e optimizar o rendemento. 

Tramitación legal e permisos 

Un dos aspectos que máis preocupa ás pemes á hora de apostar polo autoconsumo fotovoltaico é a parte administrativa. A realidade é que, aínda que os trámites poden variar segundo a potencia da instalación e a modalidade de autoconsumo elixida, o proceso é moito máis sinxelo do que se adoita pensar, e en moitos casos a empresa instaladora encárgase de xestionalo. 

De forma xeral, os pasos principais son: 

  • Licenza de obra ou comunicación previa no concello: para a maioría das instalacións en cubertas abonda cunha comunicación de obra menor, o que simplifica o procedemento. 
  • Permiso de acceso e conexión á rede eléctrica (cando se opta pola modalidade con vertido de excedentes): este paso garante que a enerxía sobrante pode inxectarse á rede en condicións de seguridade. 
  • Contratos de compensación de excedentes coa comercializadora, no caso de vender a enerxía producida que non se consuma. 
  • Rexistro no RAACE (Rexistro Administrativo de Autoconsumo de Enerxía Eléctrica): un trámite necesario para formalizar legalmente a instalación. 

En resumo, aínda que existen requisitos legais que cumprir, trátase dun proceso asumible, e a maior parte das empresas instaladoras ofrecen un servizo “chave en man” no que se encargan tanto da parte técnica coma da documentación. A execución da obra adoita ser rápida, entre 2 e 4 semanas segundo a dimensión da instalación. Os paneis solares, inversores e sistemas de monitorización permiten que a empresa controle en tempo real o consumo e a produción de enerxía. 

Beneficios máis alá do aforro 

Cando unha peme decide instalar paneis solares, o primeiro que busca é reducir custos. Con todo, o autoconsumo fotovoltaico achega vantaxes que van moito máis alá do aforro económico, estas son algunas delas: 

  • Estabilidade e previsibilidade xa que fronte á volatilidade do prezo da electricidade, xerar a propia enerxía permite ter un maior control e estabilidade a medio e longo prazo. 
  • Reputación corporativa no que cada vez máis clientes, provedores e socios valoran o compromiso ambiental das empresas.  
  • Cumprimento normativo e vantaxe competitiva dentro do marco lexislativo europeo camiña cara a unha economía baixa en carbono. 
  • Responsabilidade social e impacto ambiental ao reducir a pegada de carbono e contribuir directamente aos obxectivos de desenvolvemento sostible. 
  • Implantar tecnoloxías limpas adoita ser o primeiro paso para adoptar outras solucións de eficiencia enerxética e dixitalización, o que impulsa a competitividade da empresa. 

Solicita asesoramento para o crecemento do teu negocio a través da Oficina Económica de Galicia, cubrindo o formulario en liña dispoñible na nosa páxina web.