Blinda a túa innovación: guía rápida de protección para autónomos e pemes

Cada innovación, por pequena que pareza, é un activo estratéxico para calquera empresa. E, como todo activo, precisa protección. Se traballas por conta propia ou dirixes unha pequena empresa, tes ao teu alcance distintas vías legais para asegurar que as túas marcas, deseños ou procesos sigan sendo exclusivamente teus.

Se es autónomo ou tes unha pequena ou mediana empresa, existen diferentes ferramentas legais que che permiten blindar a túa innovación, a túa imaxe e mesmo a túa información.

Patentes: innovación con garantías

As patentes protexen solucións técnicas novas, resultado dun proceso de investigación ou desenvolvemento. Dáche dereito exclusivo de explotación durante un tempo determinado, evitando que terceiros fabriquen ou vendan sen permiso.

Serve, por exemplo, para que unha empresa galega que desenvolva un sistema de filtrado de auga para piscifactorías máis eficiente rexistre esa patente, o que impide que outros fabriquen ou comercialicen o mesmo sistema sen autorización.

Modelos de utilidade: para melloras técnicas simples

Cando a innovación é máis sinxela, como unha mellora nun produto xa existente, podes recorrer ao modelo de utilidade. É máis rápido e económico ca unha patente, mantendo tamén dereitos exclusivos sobre a túa creación.

Neste caso, pode servir de exemplo un carpinteiro autónomo que deseñe unha nova bisagra que facilita abrir e pechar portas pesadas. Pois, ao rexistrala como modelo de utilidade, ningún competidor poderá copiar ese sistema durante o tempo que dure a protección.

Marcas: o sinal que te distingue

Nome comercial, logotipo, slogan… A marca é o que te identifica no mercado. Por iso, rexistrala supón asegurarte de que só ti podes utilizala para os teus produtos ou servizos, reforzando a confianza dos clientes e protexendo a túa reputación.

Se, por exemplo, contas cunha tenda en liña de alimentación galega que se chama “Sabores do Atlántico” e un logotipo recoñecible, facer o rexistro da marca evita que outra empresa use o mesmo nome para produtos similares.

Deseños industriais: o poder do visual

O deseño industrial protexe o aspecto externo dun produto —forma, cores, combinacións…—, o que resulta clave para diferenciarte cando a estética tamén é parte do valor que ofreces.

Imaxina unha artesá de cerámica que desenvolve unha liña de pratos con formas e relevos únicos. A única forma de protexelos é facendo o rexistro do deseño industrial para impedir que outras marcas imiten esa aparencia para vender produtos parecidos.

Segredos empresariais: información que non pode fuxir

Receitas, listas de clientes, procesos internos… Se esa información ten valor para o teu negocio, podes protexela legalmente como segredo empresarial. Isto axúdache a manter a vantaxe competitiva fronte á competencia.

Para que pode ser útil? Pois, por exemplo, se unha fábrica de xeados crea unha fórmula especial que os fai diferentes, ao crear as medidas de confidencialidade poderá reclamar no caso de que un empregado ou colaborador revele esa receita.

Dereitos de autor: tamén para software

As obras literarias, artísticas e tamén o software están protexidos automaticamente polos dereitos de autor. Por iso, se desenvolves contidos ou programas, esta é a figura que salvagarda a túa propiedade intelectual.

Por exemplo, se unha startup desenvolve unha aplicación para xestionar reservas en restaurantes, os dereitos de autor protexen o código fonte, as pantallas e a estrutura do programa, evitando copias ilegais.

En definitiva, son moitas as formas e posibilidades para protexer os maiores activos das empresas. Coñecer estas opcións é o primeiro paso; o seguinte é avaliar cal ou cales se adaptan mellor ao teu proxecto. Podes contactar co equipo experto da Oficina Económica de Galicia para recibir orientación e dar os primeiros pasos no rexistro ou protección que máis che conveña.