As empresas que promoven proxectos de infraestrutura cofinanciados con fondos estruturais europeos (FEDER, Fondo de Cohesión) no período 2021–2027 están obrigadas a integrar a variable climática no deseño, planificación a execución das actuacións incluídas nos mesmos. En particular, o artigo 73.2.j do Regulamento de Disposicións Comúns (UE) 2021/1060 establece que os proxectos deben incorporar a chamada proba climática (climate proofing), é dicir, un proceso sistemático de análise da súa coherencia cos obxectivos de mitigación e adaptación ao cambio climático, en liña co Pacto Verde Europeo.
Para dar resposta a esta esixencia, a Oficina Económica de Galicia do IGAPE ofrece ás empresas un servizo técnico especializado de asesoramento e acompañamento, para facilitar a elaboración dese informe climate proofing (informe de defensa contra o cambio climático) esixido polas autoridades de xestión. A través deste servizo, as empresas reciben apoio personalizado para redactar un informe adaptado ao seu proxecto concreto, cumprindo con garantías os requisitos regulamentarios e demostrando a súa compatibilidade climática.
Un informe adaptado ao teu proxecto
O servizo de apoio da Oficina Económica de Galicia baséase na Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas, promovida pola Xunta de Galicia e aliñada coas orientacións técnicas da Comisión Europea. O obxectivo é garantir que a infraestrutura:
- Minimiza as emisións de gases de efecto invernadoiro (pilar de mitigación),
- É resiliente fronte aos riscos climáticos presentes e futuros (pilar de adaptación).
O informe elabórase en base a información climática actualizada (AdapteCCa, AEMET, MeteoGalicia, IPCC), datos técnicos do proxecto, e os mapas oficiais de ameazas e riscos (SNCZI, ARPSI, catálogo nacional). Adaptamos a metodoloxía ao tipo de proxecto (construción, equipamento, renovación, etc.) e ao seu grao de exposición e sensibilidade.
Que inclúe o servizo de asesoramento e acompañamento da Oficina Económica de Galicia do IGAPE?
- Revisión da documentación do proxecto e identificación de requisitos climáticos aplicables ao mesmo.
- Cálculo e análise dos dous piares climáticos: Mitigación e Adaptación.
- Aplicación das dúas fases obrigatorias da proba climática:
- Fase 1: Comprobación previa de exposición, tipoloxía e estimación de risco.
- Fase 2: Análise detallada do risco climático e proposta de medidas (cando corresponda).
Por que contar con este apoio especializado?
Elaborar un informe de defensa climática require coñecementos específicos en adaptación, mitigación, normativa ambiental, modelización do risco e deseño resiliente, e, ademais, cada proxecto ten particularidades técnicas, funcionais e territoriais que condicionan as medidas necesarias.
A través da Oficina Económica de Galicia, o IGAPE pon a disposición das empresas un equipo técnico con experiencia no acompañamento climático de proxectos, garantindo:
- Informes validados polos órganos xestores e coherentes cos requisitos FEDER.
- Axilidade na entrega, adaptada aos prazos administrativos.
- Medidas realistas, contextualizadas e sen sobredimensionar o esforzo técnico-económico para as empresas.
Non dubides en solicitar os servizos gratuítos de asesoramento e apoio da Oficina Económica de Galicia e un experto poñerase en contacto contigo.