Como protexer a túa marca ao colaborar cun influencer, contratos clave para pemes e persoas autónomas

As colaboracións con influencers convertéronse nunha ferramenta habitual de márketing para pemes e proxectos emprendedores xa que permiten chegar a novos públicos, mellorar a visibilidade e reforzar a marca. Pero para que esta estratexia sexa segura, é imprescindible protexer legalmente a identidade e os activos da empresa desde o inicio.

Tipos de colaboración máis habituais

Antes de asinar ningún acordo, é importante definir o tipo de relación que se vai establecer:

  • Colaboración puntual. Trátase dunha acción concreta ou dunha campaña de curta duración, como unha publicación ou un conxunto limitado de contidos promocionais. É a fórmula máis habitual para lanzamentos de produto ou campañas estacionais.
  • Embaixador/a de marca. Relación a medio ou longo prazo na que o creador representa os valores da empresa. Nestes casos é recomendable incluír cláusulas de exclusividade para evitar colaboracións con marcas competidoras.
  • Campañas por comisión ou afiliación. O influencer promove produtos mediante ligazóns ou códigos personalizados e recibe unha comisión por cada venda xerada.
  • Co-branding. Marca e creador desenvolven un produto ou colección conxunta. Neste modelo é especialmente importante definir a titularidade da marca, os dereitos de uso e a explotación comercial.

O contrato como a principal ferramenta de protección

Todas as colaboracións deben formalizarse mediante un contrato de prestación de servizos publicitarios. Este documento é clave para evitar conflitos e protexer a marca.

Os puntos básicos que debe incluír son:

  • Uso da marca e da imaxe corporativa: especificar como, onde e durante canto tempo poderá empregarse o nome, logotipo ou identidade visual da empresa.
  • Dereitos sobre o contido creado: indicar se a marca poderá reutilizar vídeos, imaxes ou publicacións en campañas propias, web ou redes sociais.
  • Cláusula de exclusividade: evitar que o creador colabore con empresas competidoras durante a campaña ou nun período determinado.
  • Confidencialidade (NDA): protexer información sensible como estratexias, lanzamentos ou datos comerciais.
  • Cláusula reputacional: permitir rescindir o contrato se algunha das partes dana a imaxe da outra.
  • Condicións económicas e prazos: deixar clara a compensación, forma de pago e calendario de entregas.

Ademáis, ter a marca rexistrada é unha das mellores ferramentas de protección. Facilita a defensa fronte a usos non autorizados e achega seguridade xurídica cando se realizan colaboracións, especialmente en proxectos de co-branding, lanzamento de produtos conxuntos ou campañas a longo prazo.

Ademais, moitas empresas esixen aos creadores certificados de rexistro da súa marca persoal ou nome comercial para evitar conflitos legais futuros.

As colaboracións con influencers poden xerar un gran retorno, pero só se se xestionan de forma profesional. Definir ben o tipo de acordo, formalizar contratos claros e protexer a marca desde o inicio permite ás pemes, persoas autónomas e emprendedoras medrar con seguridade, reforzar a súa reputación e consolidar a súa identidade no mercado.

Dar o seguinte paso é máis doado con apoio especializado. A Oficina Económica de Galicia acompáñate con asesoramento personalizado e recursos gratuítos para facer medrar a túa empresa.