Comunidades enerxéticas: unha oportunidade para as pemes en Galicia

As pequenas e medianas empresas (pemes) son o motor da economía española, representando o 99,8 % do tecido empresarial e xerando máis do 62 % do Valor Engadido Bruto do país, segundo datos do Ministerio de Industria. En Galicia, as pemes xogan un papel especialmente relevante, sendo fundamentais para o emprego e o crecemento económico local. Con todo, a pesar da súa importancia, as pemes enfrontan unha serie de desafíos que limitan a súa competitividade, especialmente no que respecta aos custos enerxéticos.

Nun contexto de prezos volátiles e en constante alza, a enerxía converteuse nun factor  que impacta directamente nas súas marxes operativas. É neste escenario onde as comunidades enerxéticas xorden como unha solución innovadora e estratéxica para reducir os custos enerxéticos, mellorar a competitividade e promover a sustentabilidade.

Que son as comunidades enerxéticas?

As comunidades enerxéticas son agrupacións cooperativas formadas por particulares, empresas e entidades públicas que se unen para producir, xestionar e consumir enerxía de forma conxunta, buscando o máximo aproveitamento dos recursos dispoñibles e o acceso a enerxías limpas.

A lexislación permite a creación de dous tipos de comunidades enerxéticas que poden beneficiar ás pemes:

  • Comunidade Enerxética Renovable (CER), que fomentan o uso de enerxías renovables e están dirixidas a pequenas e medianas empresas que cumpran certas condicións, como contar con menos de 250 empregados e un volume de negocios anual inferior a 50 millóns de euros.
  • Comunidade Cidadá de Enerxía (CCE), orientada a asegurar o acceso á rede en igualdade de condicións e permiten a participación de microempresas e pequenas empresas con menos de 50 traballadores e un volume de negocio inferior a 10 millóns de euros.

Beneficios das comunidades enerxéticas para as pemes galegas

Un dos principais beneficios das comunidades enerxéticas é a redución de custos enerxéticos. Ao compartir recursos e xerar enerxía de forma conxunta, poden acceder a tarifas máis competitivas cas do mercado convencional, logrando reducións de entre o 20 % e o 40 %. Este aforro tradúcese nunha mellora inmediata das marxes operativas e libera recursos que poden reinvestirse noutras áreas estratéxicas da empresa.

Ademais, a participación nunha comunidade enerxética ofrece estabilidade nos prezos da enerxía, o que facilita unha planificación financeira máis precisa e reduce os riscos asociados á volatilidade do mercado enerxético. Outro aspecto clave é a autonomía na toma de decisións. As pemes que forman parte dunha comunidade enerxética poden influír en aspectos cruciais, como o tipo de enerxía a utilizar ou os investimentos en infraestruturas, aliñando as súas decisións cos seus propios obxectivos de sustentabilidade e crecemento.

Sustentabilidade e cohesión social

As comunidades enerxéticas tamén promoven a sustentabilidade ao facilitar o acceso a fontes de enerxía renovables, reducindo a dependencia dos combustibles fósiles e diminuíndo a pegada de carbono das empresas participantes. Este compromiso co medio ambiente non só mellora a reputación das pemes fronte aos seus clientes e socios comerciais, senón que tamén lles outorga un valor engadido nun mercado cada vez máis orientado cara á sustentabilidade.

Doutra banda, estas comunidades fomentan a colaboración e cohesión social entre as empresas participantes, xerando sinerxías máis aló do ámbito enerxético. As pemes poden compartir coñecementos, desenvolver proxectos conxuntos e mellorar a súa competitividade global, creando un ecosistema local máis forte e resiliente.

En Galicia, onde o tecido empresarial está composto maioritariamente por pequenas e medianas empresas, as comunidades enerxéticas representan unha ferramenta poderosa para mellorar a competitividade e promover a innovación. Espazos como os polígonos industriais ofrecen unha contorna ideal para a implementación destas iniciativas, grazas á concentración de empresas e a dispoñibilidade de superficies para a instalación de infraestruturas de enerxías renovables.

En definitiva, as comunidades enerxéticas ofrecen unha solución integral que permite ás pemes galegas acceder a unha enerxía máis barata e estable, á vez que contribúen á sustentabilidade e fomentan a colaboración empresarial. Unha oportunidade única para superar as barreiras impostas polas economías de escala e competir en igualdade de condicións coas grandes corporacións.