proxectos industriais

Concellos
emprendedores

“Esta iniciativa ten como obxectivo contribuír á captación de investimentos para a nosa comunidade”

A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia regula a iniciativa galega de concellos emprendedores co obxecto de favorecer a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, con plenas garantías de sustentabilidade económica e con redución das barreiras normativas e administrativas.

Esta iniciativa desenvólvese desde o exercicio 2017, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Para adherirse, os concellos deben comprometerse a proporcionarlles ás empresas e ás persoas emprendedoras as seguintes vantaxes:

Máis incentivos fiscais

Bonificacións de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes.

Máis simplificación administrativa

Concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñan da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos.

Máis facilidades de acceso a solo industrial

Bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no seu municipio. Máis incentivos fiscais: bonificacións de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes.
A Xunta de Galicia establecerá unha discriminación positiva nas ordes de axudas, que se convocan en réxime de concorrencia competitiva:

A favor dos concellos emprendedores

Nas axudas dirixidas aos concellos e destinadas a investimentos e gastos que teñan relación coas finalidades da iniciativa.

A favor das empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro

Nas axudas destinadas á implantación e ao funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, cuxos proxectos se desenvolvan nun concello emprendedor.

Referencias normativas

Procedemento

O concello que desexe adquirir a condición de concello emprendedor, debe desenvolver con carácter previo as seguintes actuacións:

1.1.- Manifestar o seu interese en adherirse á iniciativa mediante a adopción, polo órgano competente, dun acordo ou resolución no que se comprometan ao establecemento das medidas orientadas ao fomento da implantación e fixación de empresas que se especifican no artigo 80 da dita norma.

Os compromisos adquiridos polo concello comprenden a adopción das seguintes medidas:

  • Resolver as solicitudes de licenza de obra nas que o solicitante sexa unha empresa ou unha persoa traballadora autónoma e que teñan por obxecto a construción dunha edificación destinada á primeira implantación dunha actividade ou a ampliación das instalacións existentes no prazo máximo de 30 días naturais desde que o concello dispoña da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos.
  • Establecer bonificacións aos prezos das parcelas do solo empresarial de titularidade municipal, co fin de garantir que estes resulten competitivos.
  • Incorporar e ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir á figura xurídica do dereito de superficie.
  • Recoñecer o carácter prioritario nos trámites e a adopción do acordo de tramitación urxente respecto dos procedementos de competencia municipal relacionados coas iniciativas empresariais prioritarias.
  • Incorporar o concello ao Sistema de atención ao investimento.
  • Realizar actuacións de revisión do seu marco normativo dirixidas á boa regulación.

1.2.- Aprobar mediante acordo plenario, consonte o procedemento regulado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, ou norma que o substitúa, unha modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do imposto sobre bens inmobles, do imposto sobre actividades económicas e, de ser o caso, do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

Esta modificación terá por obxecto o establecemento das bonificacións potestativas previstas na normativa estatal reguladora das facendas locais (artigos 74.2.quáter, 88.2.e), e 103.2.a) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais) por apreciar que concorren circunstancias de especial interese ou utilidade municipal vencelladas á creación de emprego.

Estas bonificacións estableceranse en función de parámetros de creación de novos postos de traballo e cada concello desenvolverá os aspectos que considere necesarios en base á súa potestade regulamentaria (modalidade dos contratos, documentación a presentar polos solicitantes, forma de xustificación do mantemento dos requisitos exixidos, etc.).

Non obstante, co obxecto de velar pola homoxeneidade na aplicación destas bonificacións, para formar parte da iniciativa, as ordenanzas fiscais deberán contemplar os seguintes extremos:

  • porcentaxe da cota a bonificar deberá determinarse en función dos novos postos de traballo creados, respectando os seguintes tramos:
    • Polo menos o 80 % pola creación de máis de 20 postos de traballo.
    • Polo menos o 75 % pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.
    • Polo menos o 50 % pola creación de ata 10 postos de traballo.
  • As medidas referidas aos impostos de devindicación periódica deberán manterse, para cada suxeito pasivo, polo menos para os tres exercicios orzamentarios completos seguintes a aquel no que teña lugar o feito impoñible.

Os concellos interesados poderán obter máis información sobre estes trámites a través da Oficina Doing Business Galicia (vicesecretaria.cei@xunta.gal) ou contactando coa Fegamp.

Cumpridos os tramites previos, o concello deberá remitir a súa solicitude de adhesión á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Industria e Innovación. 

A solicitude deberá vir acompañada da documentación na que se acredite o cumprimento dos requisitos exixidos.

  • Certificado no que se acredite a adopción do acordo ou a resolución polo que o concello se compromete ao establecemento das medidas orientadas ao fomento da implantación e fixación de empresas.
  • Copia dos anuncios de aprobación definitiva das ordenanzas fiscais modificadas, publicados no Boletín Oficial da Provincia que corresponda.

Cando se completen os pasos anteriores, poderá reunirse a Comisión Técnica de Seguimento da Iniciativa (formada por representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias e da Xunta de Galicia), cuxa labor é levar a cabo unha análise previa do cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Posteriormente, dende a Consellería de Economía, Industria e Innovación realizarase a valoración do cumprimento dos requisitos exixidos para adquirir a condición de concello emprendedor e, de ser favorable, a declaración como concello emprendedor formalizarase mediante resolución do conselleiro.

Quero atopar un concello no que emprender