Coñece as maiores ameazas de ciberseguridade: están as empresas preparadas?

O aumento exponencial da dixitalización leva da man novas necesidades para as pemes e empresas como é a ciberseguridade. Unha área que se consolidou como unha das principais preocupacións estratéxicas para as organizacións ao longo deste ano.  

Así, termos como o ransomware, o phishing avanzado e as vulnerabilidades en dispositivos IoT  son esenciais coñecelos xa que se poden converter en auténticos retos para as empresas, especialmente para aquelas que non conten con políticas de seguridade robustas. O incremento do cibercrime está a xerar novas dinámicas que requiren respostas innovadoras, rápidas e eficaces.  

Ransomware: unha ameaza en constante evolución  

O ransomware non é unha ameaza nova, pero si cada vez máis sofisticada e daniña. Un dato comprobable é que os ataques de ransomware serán máis dirixidos e personalizados, co obxectivo de maximizar as ganancias para os atacantes. Xa non se trata unicamente de cifrar datos e pedir un rescate, senón tamén de ameazar coa publicación de información sensible, unha práctica coñecida como double extorsion 

En España, o problema é especialmente preocupante xa que segundo o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), en 2024 rexistráronse máis de 120.000 incidentes relacionados con ransomware, unha cifra que non deixa de medrar especialmente en sectores como a saúde, as finanzas e as infraestruturas críticas que están no punto de mira polo alto valor dos seus datos. 

Phishing avanzado: enganos cada vez máis convincentes  

O phishing, a técnica de suplantación de identidade dixital, tamén está a evolucionar. En 2025, os ataques son aínda máis difíciles de detectar grazas ao uso de intelixencia artificial para crear mensaxes personalizadas, convincentes e practicamente indetectables. En España, o phishing xa experimentou un aumento en 2024 respecto ao ano anterior, con campañas especialmente dirixidas a pemes e usuarios de banca en liña. Ademais, están a diversificarse as canles: correos electrónicos, SMS (smishing), chamadas telefónicas (vishing) e ata mensaxes a través de redes sociais.  

O obxectivo xa non é só enganar a usuarios individuais, senón vulnerar a cadea de confianza dentro das propias organizacións, atacando a empregados e directivos por igual.  

IoT: vulnerabilidades en dispositivos conectados  

Con máis de 75.000 millóns de dispositivos IoT previstos para 2025, o Internet das Cousas abre novas oportunidades… e tamén novos riscos. Moitos destes dispositivos carecen de medidas de seguridade adecuadas e poden converterse nunha porta de entrada para os atacantes. En contornas empresariais, esta ameaza multiplícase. Cámaras de vixilancia, sensores industriais ou mesmo electrodomésticos conectados son vectores potenciais de ataque se non se xestionan correctamente.  

O impacto do cibercrime no tecido empresarial  

O custo do cibercrime non se limita ás perdas económicas senón que inclúe tamén danos reputacionais, interrupcións operativas e sancións legais polo incumprimento de normativas de protección de datos. A nivel global, estímase que o custo do cibercrime alcanzará os 10.500 millóns de dólares anuais en 2025.  

Estratexias para protexer a túa empresa en 2025  

Fronte a estas ameazas, a prevención e a anticipación son claves. A continuación expóñense 4 claves prioritarias:  

  1. Fomentar unha cultura de ciberseguridade. A seguridade debe implicar a toda a organización, non só ao departamento de TI. A formación continua e a concienciación dos empregados sobre ameazas como o phishing é o primeiro escudo de protección. 
  2. Incorporar tecnoloxías avanzadas. Ferramentas como SAST, DAST, SCA ou o attack surface monitoring axudan a identificar vulnerabilidades e reforzar os activos dixitais antes de que sexan explotados. 
  3. Xestión de vulnerabilidades. Auditorías periódicas, actualizacións de software e segmentación de redes son esenciais para minimizar riscos. A prevención é máis rendible que a reacción e engadir plans de resposta ante incidentes.
  4. Colaboración con expertos en ciberseguridade. Contar con partners especializados permite anticiparse aos novos vectores de ataque e tomar decisións con coñecemento. A ciberseguridade xa non é un gasto, é un investimento estratéxico. 
  5. Contratar seguros de ciberseguridade. Protexen dos costes derivados de ataques informáticos, como a recuperación de datos, responsabilidades legais e multas regulatorias. 

En definitiva, as ameazas evolucionan e multiplícanse, pero tamén o fan as ferramentas para combatelas. As empresas que queiran seguir sendo competitivas deben adoptar un enfoque proactivo e global ante a ciberseguridade. 

Se necesitas apoio dunha persoa experta en ciberseguridade, só tes que solicitar o asesoramento gratuíto que ofrecemos desde a Oficina Económica de Galicia.