Inicio
Proxectos industriais
Proxectos de interese autonómico

Proxectos de interese autonómico

1. Regulación

Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Os proxectos de interese autonómico son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución daquelas actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características que as fan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, que non teñen previsión nin acomodo no planeamento urbanístico.

Poden ser promovidos e desenvoltos por iniciativa pública ou privada, e poderán ter por obxecto, entre outras actuacións, a creación de solos para o desenvolvemento de actividades económicas, entendendo como tales as actividades primarias, industriais ou terciarias que teñan por obxecto a produción, a distribución ou a comercialización de bens e servizos, incluída a urbanización complementaria que precisen.

En función do seu obxecto podemos diferenciar os seguintes tipos:

  • Proxectos de interese autonómico previstos, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións previstas nun plan sectorial vixente.
  • Proxectos de interese autonómico non previstos, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións non previstas en ningún plan sectorial. Neste caso, o proxecto deberá ser congruente co contido dos instrumentos de ordenación do territorio cos que concorrese, tanto polo seu ámbito territorial como polo seu contido.

En todo caso os proxectos deberán garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúan o seu obxecto, a súa conexión coas redes e cos servizos correspondentes mediante a realización de cantas obras sexan precisas, a súa adaptación ao contorno no que se localicen e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico e territorial vixente.

No caso de proxectos de iniciativa privada que impliquen a transformación urbanística do solo, a persoa promotora deberá acreditar a aceptación polas persoas propietarias que representen máis do 50 % da superficie total do ámbito de actuación do proxecto.

No caso dos proxectos de interese autonómico que resultasen necesarios para a realización de actividades económicas, a persoa promotora deberá ter en conta o seguinte:

  • Cando se trate de proxectos de interese autonómico previstos, o procedemento de aprobación poderá iniciarse de oficio ou por solicitude das persoas ou das entidades promotoras do proxecto, a cal deberá ir acompañada do proxecto redactado por persoal técnico competente e dirixirse á Consellería de Economía, Industria e Innovación.
  • Cando se trate de proxectos de interese autonómico non previstos, será necesario, como requisito previo ao inicio do procedemento de aprobación, o acordo do Consello da Xunta polo que se aprobe a declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto.

Nestes casos, as persoas ou as entidades promotoras da actuación poderán solicitar ante a Consellería de Economía, Industria e Innovación a declaración de interese autonómico, para o que deberán achegar unha proposta de actuación na que se indiquen, cando menos, as seguintes cuestións:

    • Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo.
    • Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.
    • Características nas que se fundamenta o interese autonómico, xustificando:

1º. Que as actuacións previstas transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características, que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, sen que sexa suficiente xustificación a súa situación en terreos de varios termos municipais.

2º. Que as actuacións previstas posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, ou que sirvan para desenvolver, implantar ou executar políticas sectoriais previstas na lexislación sectorial, ou que a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes ou a súa adaptación ao contorno no que se localicen.

    • Se é o caso, a inadecuación da actuación ao planeamento urbanístico vixente e a imposibilidade de desenvolver a actuación ao abeiro del por falta de previsión ou incompatibilidade coas súas determinacións.
    • Xustificación da súa adecuación ás Directrices de ordenación do territorio e a outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito no que se desenvolva o proxecto.
    • Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.
    • Aspectos ambientais que hai que ter en conta

A declaración de interese autonómico en ningún caso condicionará a resolución que poña fin ao procedemento de aprobación do proxecto, que se tramitará consonte ao disposto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.