Gobernanza de datos: que é e porque as pemes galegas deben tela en conta na era da intelixencia artificial

Nun mundo empresarial cada vez máis dixitalizado, os datos convertéronse nun recurso estratéxico esencial e nos que todo tipo de grandes corporacións ou pequenas e medianas empresas, manexan datos a diario: de clientes, de provedores, internos, financeiros ou mesmo vinculados á produción. Xestionar ben eses datos non é só unha cuestión técnica, senón tamén estratéxica. Aquí é onde entra en xogo a gobernanza de datos. 

Que é a gobernanza de datos? 

Consiste  no conxunto de políticas, procedementos, estándares e responsabilidades que unha empresa define para asegurar que os datos se manexen de xeito correcto, seguro, coherente e legal. É dicir, establecer quen fai que cos datos, como se almacenan, quen pode acceder a eles, e como se garanten a súa calidade e protección. 

A gobernanza de datos non trata só da tecnoloxía, senón da forma en que a empresa organiza o uso dos datos dentro da súa estrutura e cultura empresarial. 

Por que é relevante para as pemes galegas? 

As pemes, especialmente as que están en proceso de dixitalización ou comezando a usar ferramentas como a intelixencia artificial, deben ver a gobernanza de datos como unha oportunidade e non como unha carga. 

Aquí van algúns motivos polos que resulta clave: 

  • Evita riscos legais e reputacionais: cumprir coas normativas como o RGPD é obrigatorio. Un erro no tratamento de datos pode traer sancións e perda de confianza. 
  • Mellora a eficiencia operativa: ter datos ordenados, accesibles e fiables evita duplicidades, erros e tempos mortos. 
  • Facilita a análise e a toma de decisións: os datos de calidade permiten identificar tendencias, prever problemas e tomar decisións fundamentadas. 
  • Prepara a empresa para innovar: moitas ferramentas de IA dependen da calidade dos datos que reciben. Sen unha gobernanza axeitada, esas tecnoloxías perden utilidade. 

Imaxinemos unha pequena axencia de viaxes en Lugo que decide integrar unha ferramenta como ChatGPT na súa web para responder ás preguntas frecuentes dos seus clientes. A intención é boa: mellorar o servizo e aforrar tempo. Pero sen unha política clara de gobernanza, pode cometer erros como: 

  • Introducir datos sensibles de clientes sen protección axeitada. 
  • Usar información desactualizada nas respostas. 
  • Non revisar os contidos xerados pola IA, o que pode levar a ofrecer información incorrecta. 

En cambio, cunha boa gobernanza de datos, esta mesma empresa podería: 

  • Establecer que tipo de datos se lle poden facilitar á IA e cales non. 
  • Designar a unha persoa responsable de revisar e validar a información. 
  • Crear procedementos para actualizar periodicamente os datos empregados. 

Deste xeito, a IA traballa ao servizo da empresa sen poñela en risco. 

Que pasos poden dar as pemes galegas para aplicar a gobernanza de datos? 

  1. Facer un inventario de datos: que información manexamos? Onde está gardada? Quen a usa? 
  2. Definir roles e responsabilidades: é fundamental saber quen se encarga de cada parte da xestión dos datos. 
  3. Establecer normas internas claras sobre como se recollen, almacenan, acceden e comparten os datos. 
  4. Formar ao persoal en protección de datos, bo uso da información e ferramentas dixitais. 
  5. Apoiarse en asesoramento especializado para adaptar as políticas de gobernanza á realidade da empresa. 
  6. Revisar periodicamente os procesos para garantir que se adaptan a cambios lexislativos e tecnolóxicos. 

Gobernanza de datos e vantaxe competitiva 

A gobernanza de datos non só é un requisito para cumprir coa lei. É tamén unha ferramenta para gañar vantaxe competitiva xa que as pemes que dominan os seus datos teñen máis capacidade para innovar, adaptarse aos cambios do mercado e ofrecer mellores produtos e servizos. 

Ademais, contar con procesos claros e seguros xera confianza entre clientes, provedores e socios, algo fundamental para crecer nun mercado cada vez máis interconectado. 

É o momento de dar o paso e converter os datos nun recurso estratéxico ben xestionado. A Oficina Económica de Galicia anima ás pemes a apostar por unha cultura de gobernanza que poña a calidade, a ética e a seguridade dos datos no centro da súa actividade empresarial.