enchufe

Empresas instaladoras de baixa tensión

male-electrician-works-switchboard-with-electrical-connecting-cable

Este catálogo recolle os trámites necesarios para a constitución e posta en marcha das iniciativas empresariais relativas ás actividades de empresas instaladoras de baixa tensión.

Considérase empresa instaladora de baixa tensión á persoa física ou xurídica que realiza, mantén ou repara as instalacións eléctricas no ámbito do Regulamento electrotécnico para baixa tensión, aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, e as súas instrucións técnicas complementarias, tendo presentado a correspondente declaración responsable de inicio.

Enténdese como instalación de baixa tensión todo conxunto de aparellos e de circuítos asociados en previsión dun fin particular: produción, conversión, transformación, transmisión, distribución ou utilización da enerxía eléctrica

O catálogo abrangue todas as instalacións que distribúan a enerxía eléctrica, as xeradoras de electricidade para consumo propio e as receptoras, nos seguintes límites de tensións nominais:

  1. Corrente alterna: igual ou inferior a 1.000 voltios.
  2. Corrente continua: igual ou inferior a 1.500 voltios.

Exclúense deste catálogo as instalación e equipamentos de uso exclusivo en minas, material de tracción, automóbiles, navíos, aeronaves, sistemas de comunicación e os usos militares e demais instalacións e equipamentos que estivesen suxeitos a regulamentación específica.

Trámites

Antes de comezar as súas actividades como empresas instaladoras de baixa tensión, as persoas físicas ou xurídicas que desexen establecerse en España deberán presentar ante o órgano competente da comunidade autónoma onde se establezan unha declaración responsable na que o titular da empresa ou representante legal desta declare para que categoría e, de ser o caso, modalidade vai desenvolver a actividade, que cumpre cos requisitos que se exixen na ITC-BT-03, que dispón da documentación que así o acredita, que se compromete a mantelos durante a vixencia da actividade e que se responsabiliza de que a execución das instalacións se efectúa de acordo coas normas e requisitos que se establecen no Regulamento electrotécnico para baixa tensión e nas súas respectivas instrucións técnicas complementarias. A consellería competente en materia de industria asignará, de oficio, un número de identificación á empresa que presentou unha declaración responsable. Realizado este proceso, a empresa queda habilitada e pode exercer a actividade de xeito inmediato, aínda que pode ser obxecto dos labores de inspección correspondentes para comprobar a veracidade do declarado mediante a achega da documentación que sustenta a declaración.

Referencias Normativas

Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións técnicas.
Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE.