Lorenzana aborda coa mesa do diálogo social o estado de tramitación dos plans directores para os sectores industriais

  • Nas vindeiras semanas finalizarase o borrador dos plans directores dos sectores Forestal-Madeira e TIC
  • Ata o de agora, o Goberno galego declarou nove sectores industriais como estratéxicos para Galicia: construción naval, automoción, industria das TIC, metalmecánico, forestal-madeira, loxística, alimentación, téxtil e construción
  • Os plans directores nacen dun proceso de interlocución cos sectores implicados, representantes das diferentes cadeas de valor, clústeres, organizacións empresariais, entidades de innovación e, por suposto, cos axentes económicos e sociais

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avaliou hoxe co Diálogo Social o estado de tramitación dos diferentes plans directores que a Xunta está elaborando para os sectores industriais, unha vez que xa foron aprobados o da automoción e o naval.

O Goberno galego declarou, en total, nove sectores industriais como estratéxicos para Galicia: construción naval, automoción, industria das TIC, metalmecánico, forestal-madeira, loxística, alimentación, téxtil e construción. Nos seus respectivos plans directores, polo tanto, recóllense un conxunto de medidas e recursos para impulsar a súa competitividade e o emprego e investimento en torno a eles.

Na xuntanza, Lorenzana avanzou que os próximos en seren aprobados serán o plan director para o sector forestal-madeira e o da industria TIC. En ambos os dous casos,  indicou que xa teñen finalizado o borrador do anteproxecto coa previsión de envialos ao Consello da Xunta proximamente. Os restantes, están en fase de redacción.

A conselleira destacou que os plans directores nacen dun proceso de interlocución cos sectores implicados, representantes das diferentes cadeas de valor, clústeres, organizacións empresariais, entidades de innovación e, por suposto, cos axentes económicos e sociais. Con todos eles, desenvólvense reunións e grupos de traballo para identificar necesidades e vías de actuación.