- Lembra que a axudas foron convocadas no mes de febreiro cun orzamento de tres millóns de euros e agora ante a súa boa acollida se amplía o seu crédito
- Trátase de dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para fixar industria e atraer novos investimentos
- Subliña que estes apoios “contribúen á modernización e á competitividade dos polígonos industriais”
O Porriño (Pontevedra), 4 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou esta mañá no encontro Falamos de industria: innovación e crecemento no Porriño, onde anunciou a ampliación en 2,5 millóns de euros das axudas destinadas a mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos.
Durante a súa intervención, a conselleira explicou que estas axudas foron convocadas no mes de febreiro cun importe de tres millóns de euros e “ante a súa boa acollida, decidimos ampliar o seu crédito para que aqueles concellos que non conseguiron optar ás axudas, poidan facelo agora”, dixo.
Nesta liña, subliñou que a convocatoria de 2025 xa beneficiou a máis de 40 parques empresariais galegos e que agora “queremos chegar a máis e dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para modernizalas e ofrecer un servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local”, destacou.
Así, estas axudas “contribúen á modernización e á competitividade dos polígonos industriais” e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade.
A conselleira de Economía e Industria tamén insistiu no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento do solo industrial, coa dinamización da actividade empresarial e coa captación de investimentos, e todo isto para fixar industria e atraer riqueza a Galicia.
A liña de axudas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación do crédito para esta convocatoria de axudas que son de concorrencia competitiva e están dirixidas aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida.