Lorenzana anuncia que a comezos de 2026 estarán dispoñibles as primeiras axudas para as empresas que participen na Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo

  • Apunta que a Xunta ten previsto aprobar por anticipado de gasto, para que estea aplicable a comezos de ano, a convocatoria para a obtención de certificacións
  • Precisa que se traballa, tamén, coa previsión de lanzar a licitación que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento coa Administración autonómica
  • Destaca a aposta da Xunta por que Galicia sexa pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías neste ámbito. “A nosa máxima aspiración agora mesmo é que se fabriquen e se comercialicen en Galicia”, asegura

Vigo, 23 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a comezos de ano estarán dispoñibles as primeiras axudas para as empresas que participen na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo, aprobada este ano pola Xunta de Galicia.

Lorenzana interveu hoxe no VII Congreso Internacional Aeroespacial, onde deu conta dos principais instrumentos de apoio que se van poñer en marcha o vindeiro ano no marco desta estratexia, que vai contar cunha partida de 14,8 millóns de euros nos Orzamentos de 2026.

Así, indicou que o Goberno galego ten previsto lanzar, por anticipado de gasto para que estea aplicable a comezos do 2026, a convocatoria de apoio ás empresas galegas para que exerzan como subministradoras nos eidos da defensa e a seguridade, a través da obtención de certificacións específicas, homologación de sistemas e produtos, obtención de autorizacións de seguridade e elaboración de propostas de proxectos para participar en convocatorias nacionais ou europeas.

Segundo precisou, a Xunta tamén traballa coa previsión de convocar nos primeiros meses do ano a licitación que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar en programas conxuntos de investimento coa Administración autonómica, logo de recibir un total de 78 propostas que se están a avaliar agora en diferentes reunións de traballo coas empresas promotoras. Unha vez rematado este proceso este mesmo mes de outubro, engadiu, afondarase en cada proxecto industrial de forma específica para coñecer as súas capacidades con máis detalle e definir as necesidades de apoio para que se radique en Galicia.

E, en terceiro lugar, tamén nos primeiros meses do ano 2026 convocarase unha liña de axudas para investimentos en tecnoloxías duais, na que se concederá unha maior puntuación nos criterios de valoración a aqueles proxectos situados na contorna do Parque Industrial de Rozas.

Sobre este enclave, Lorenzana apuntou que a intención da Xunta é transformalo nun gran parque empresarial onde empresas e centros tecnolóxicos se asenten para construír un gran nodo de alta tecnoloxía que sexa referente en Europa. A día de hoxe, ademais de contar xa coa presenza de empresas como Avincis e Indra, existen espazos dispoñibles para este novo asentamento empresarial, lembrou.

Na mesma liña, apuntou que o Parque Industrial de Rozas vai ser o primeiro banco de probas de toda España do Ceo Dixital Europeo, o emprazamento da nova aceleradora espacial que vai crear a Xunta de Galicia, e aspira a ser sede do Centro de Incubación de Empresas da Axencia Espacial Europea (ESABIC).

Lorenzana concluíu ratificando a aposta da Xunta por que Galicia sexa pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías para o sector da seguridade, a defensa e o aerospazo. “A nosa máxima aspiración agora mesmo é que se fabriquen e se comercialicen en Galicia”, asegurou.